Ribadeo, 15 de outubro de 2015.- Na Ponte do Pilar solicitaron información turística en Ribadeo un total de 2.817 persoas entre o 9 e o 12 de outubro. Nesta ponte festiva foi tamén moi importante a presenza de grupos organizados, ata 6 chegaron á vila e 15 ás Catedrais. Os datos de ocupación de establecementos revelan que o 72,72% dos aloxamentos ribadenses colgaron o cartel de completo neses días.
Á Oficina de Turismo do centro da vila acudiron 728 persoas entre o venres e o luns. O 35,6 % dos visitantes quedou a durmir en Ribadeo. Tamén foi importante a afluencia á praia das Catedrais, segundo revelan os datos da oficina alí instalada. De sábado a luns pasaron pola oficina do areal 2.089 persoas, das cales un 7% quedou a durmir na vila.
Ana Martínez, concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local, destaca “especialmente a cantidade de grupos que chegaron a Ribadeo, seis nesta ponte, que fan un total de 246 persoas procedentes de diferentes zonas de España, pero tamén do estranxeiro, xa que tres dos grupos viñan de Alemaña, Bélxica e Italia. Ás Catedrais, pola súa parte, chegaron polo menos 15 grupos con 781 persoas en total”.
No centro da vila o día con maior número de visitantes foi o sábado, xornada na que chegaron 284 turistas á Oficina de Turismo. O domingo foi o máis concorrido nas Catedrais, posto que ese día achegáronse ata o punto de información turística do areal 954 persoas.
A procedencia dos visitantes é na súa meirande parte nacional, sobre todo nas Catedrais. Na praia ata o 94,3% dos visitantes da ponte viñan doutros puntos do Estado, mentres que na vila a porcentaxe baixa ao 78,8%. “As comunidades emisoras de visitantes na vila son, en primeiro lugar, Castela e León, cun 21%, seguida de preto por Madrid, cun 17%; Estremadura, cun 13% e Euskadi, cun 7%. Estes datos, menos comúns do habitual, débense a que os grupos organizados incidiron notablemente inflando determinadas procedencias menos frecuentes, como é o caso de Estremadura. No punto de información turística das Catedrais as procedencias máis habituais son Castela e León, cun 27%, Madrid, cun 25% e Galicia, cun 10%. Euskadi e Asturias representan o 8% e o 5%, respectivamente”, explica Martínez.
A concelleira de Turismo tamén explicou que “cun 21% na oficina do centro da vila e un 5,7% nas Catedrais nótase o aumento dos visitantes internacionais. Os países emisores máis importantes son Alemaña, con 52 persoas e que representa un 7,1% do total; Bélxica, con 37 persoas e un 5,1%, e Italia, con 25 turistas desta nacionalidade, un 3,4%. En canto ás Catedrais, a orde é diferente. Destaca neste caso Francia con 15 persoas e outras nacionalidades moi variadas e proporcionalmente repartidas”.
Segundo a edil nacionalista, a ocupación media de aloxamentos foi “excelente, xa que dos 22 consultados a media de ocupación foi do 93,40%. Deses 22 foron 16 os que estiveron ao 100%, o que supón que o 72,72% dos aloxamentos enquisados estiveron completos”.