Ribadeo, 13 de outubro de 2015.- O entorno do hospital asilo de Ribadeo vai ser renovado ao longo do próximo mes para solucionar deficiencias existentes no pavimento e problemas de saneamento. Así o anunciou este martes o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que visitou unhas obras que comezaron este martes e que o Concello acomete con fondos propios.
Suárez declarou que ao longo deste martes “imos dar comezo a unhas pequenas obras no entorno do hospital asilo, concretamente na rolda do hospital, que tratan de repoñer o pavimento, que está moi deteriorado. Había moitas fochancas, moitas veces máis que fochancas eran furados inmensos. Imos actuar co visto bo de Patrimonio e aproveitando que as tuberías de saneamento estaban rotas e iso provocaba filtracións nos edificios veciños lindeiros”.
O rexedor explicou: “imos facer unha actuación de 25.000 euros con fondos propios, que conta coa autorización de Patrimonio. Imos ter obra aproximadamente durante un mes, polo cal seguramente provoquemos algunha molestia. O que máis nos preocupa é precisamente ao pé de quen está, que é o hospital asilo, onde están os avós e avoas aí”. E engadiu que “intentaremos que as molestias sexan as menores posibles, pero hai que ter en conta que imos cambiar parte do saneamento, do abastecemento, ímoslle poñer unha soleira de formigón e imos repoñer novamente con baldosas de granito todo ese entorno”.