Burela, 2 de outubro de 2015.- O Concello de Burela abriu o prazo para a solicitude de axudas destinadas á compra de material escolar para alumnos empadroados no municipio e que pertenzan a familias con escaso poder adquisitivo.
A concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, anunciou que “no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do pasado 30 de setembro publicáronse as bases e a convocatoria das axudas para material escolar do Concello de Burela para o curso actual, 2015/2016”. E explicou que o fin destas axudas “é favorecer a integración sociocultural e garantir as necesidades básicas no ámbito da educación das unidades familiares con menor poder adquisitivo”.
Patricia Otero especificou que “poden optar a estas axudas alumnos empadroados en Burela, que cursen ou non estudios nesta localidade e que pertenzan a familias cuxos ingresos non superen o límite aplicable ás Axudas de Inclusión Social (AIS) establecidas pola Xunta de Galicia para 2015. As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello e o prazo remata o día 9 de novembro deste ano. As solicitudes estarán a disposición dos solicitantes nas oficinas do departamento de Servizos Sociais, no Rexistro Xeral do Concello así como na sede electrónica municipal”.
O importe máximo que poderán recibir os alumnos de educación Infantil son 75 euros e os de Primaria e ESO, 60 euros. “Pero, como novidade este ano, esta axuda é compatible con calquera outra que perciban polo mesmo concepto, sempre que a suma das mesmas non supere o custe total do material escolar”, engadiu a concelleira de Servizos Sociais.