Lourenzá, 13 de outubro do 2015.- O Grupo Municipal do Partido Popular vén de denunciar o feito de que unha semana despois de rematar a Festa da Faba, as casetas dos fabeiros colocadas no Cantón, e mesmo as casetas de venda de tickets na intersección entre a Travesía da Mariña e a Praza Linares Rivas están sen recoller.
E non soamente están sen recoller as casetas de madeira, senón que na mesma Praza do Conde Santo, este fin de semana aínda puidemos atopar os veciños e veciñas de Lourenzá os contrapesos da carpa que estivo instalada o pasado fin de Semana, mesmo diante da porta do Concello e a escasos metros da entrada da Igrexa. Para o partido popular, é este un feito grave, máxime cando se ten en conta que acabamos de pasar unha ponte festiva, algo que pon de manifesto o pasotismo e a deixadez dos nosos gobernantes, máis preocupados en quedar ben que na toma de decisións, así como o escaso ou case nulo interese polo potencial turístico do noso concello que ten a Sra. López.
Pero estes feitos non son novos para os veciños e veciñas de Lourenzá, as bandeiras que se colocan nas rúas polas festas non foron retiradas despois das festas patronais do Conde Santo celebradas a finais de agosto, como tampouco foron retiradas as vallas de corte de rúas unha vez rematadas as festas, algo que motivou que a liña regular de autobuses non puidera facer o recorrido habitual.
A deixadez de funcións xa está a ser habitual no noso concello, e mesmo a propia alcaldesa o recoñecía durante a celebración do último pleno municipal cando como resposta a unha pregunta do portavoz nacionalista, tivo a desfachatez de afirmar que o mantemento do concello é responsabilidade dos operarios municipais, xa que son os operarios, segundo dixo a alcaldesa os que determinan o que van facer.
Aos populares parécenos que esto son escusas e amais unha forma moi vulgar de botarlle a culpa aos traballadores municipais das consecuencias do desgoberno e da inoperancia de quen ten o deber de gobernar Lourenzá.