Burela, 10 de novembro de 2015. A Concellería de Servizos Sociais informa que o prazo para participar no programa Xuntos polo Nadal está aberto ata o próximo 20 de novembro. Organizado pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, vai dirixido a persoas maiores residentes en Galicia e que no Nadal se atopen soas.
Xuntos polo Nadal permite a estes maiores pasar as festas de Nadal acompañados cunha estancia dende o 23 de decembro de 2015 ata o 2 de xaneiro de 2016 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, no caso da provincia de Lugo. Ofértanse 120 prazas nesta residencia.
Para solicitar a participación no programa hai que ser maior de 60 anos, estar empadroado nalgún municipio galego, valerse por un mesmo, non sufrir enfermidades infecto-contaxiosas nin trastornos mentais ou conductuais, así como ter ingresos socioeconómicos baixos e estar sos en Nadal. Os participantes cuns ingresos por debaixo do IPREM (532,51 euros) asistirán de xeito gratuíto e os que superen este importe contribuíran ao pagamento da estadía con 50 euros.
As persoas interesadas en participar neste programa deben dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Burela en horario de 08.00 a 15.00 horas, de luns a venres.