O Concello de Muras pon en valor un dos produtos da zona ó tempo que impulsa a dinamización das parroquias do municipio. Nesta ocasión, a través do mel e a praza do Viveiró que serán os protagonistas da I Feira do Mel de Montaña que se celebra este domingo 22 de novembro coincidindo coa data na que se celebraba fai anos a feira do Viveiró.
Con boa parte dos produtores do municipio presentes na feira para a venda do seu mel; a oferta do evento completarase con expositores para a venda doutros produtos apícolas e ferramentas da apicultura.
A Casa do Mel de Goente participará con exposicións e realizará actividades de divulgación baseadas, principalmente, na preocupación ante a vespa velutina. Igualmente, ofrecerá obradoiros de cera dirixidos a nenos e nenas.
Tamén haberá expositores con outros produtos alimentarios de calidade e da zona. Así mesmo, a artesanía estará presente na cita da man de dous artesáns da asociación Obradoiros Artesáns da Terra Chá. O torneiro Tito Ledo e a oleira Pepa Lombao ofrecerán demostracións en vivo dos seus respectivos oficios.
Pero, unha cita coma esta non podía pecharse sen capítulo gastronómico. Neste sentido, o chef Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica e membro do Grupo Nove, ofrecerá un show-cooking sobre o uso do mel en pratos salgados.
E, á hora do xantar, poderase degustar pratos elaborados con mel nunha carpa instalada na propia praza.
Xa pola tarde, a programación festiva completarase cun magosto e queimada popular amenizados pola música do dúo Pedriñas.