Cervo, 18 de novembro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, enviou un escrito á Deputación de Lugo para propoñer que poña en marcha un servizo de recollida de animais abandonados con tres centros na provincia. Ademais ofrece terreos acondicionados co equipamento necesario para que o municipio cervense acolla as instalacións destinadas á zona norte.
“Desde o Concello de Cervo remitímoslle un escrito á Deputación Provincial de Lugo no que suxerimos o establecemento dun servizo de recollida de animais de compañía abandonados. E a maiores ofrecémonos a poñer os terreos e os equipamentos necesarios para ter un deses centros coordinados pola Deputación Provincial”, anunciou este mércores Alfonso Villares.
O rexedor municipal cervense explicou que “estamos a falar dun problema que hoxe en día nos afecta a todos e a sensibilidade que temos con el cada vez é maior. Algunha xente abandona animais e a quen lle compete recollelos é aos concellos, pero algúns teñen medios para facelo e outros non. Por iso dicimos desde Cervo que a Deputación Provincial é un organismo que podería poñer en marcha este servizo que funcionaría dun xeito coordinado. E a proposta de Cervo é que a Deputación podería poñer 3 centros, por exemplo, para coordinar a recollida de animais de compañía abandonados: un na zona sur, outro na zona centro e o terceiro na zona norte da provincia de Lugo. Con esa coordinación tamén se evitarían as situacións que xorden en moitos concellos, porque se os veciños saben que funciona ben o servizo de recollida en Foz, por exemplo, e non é así noutro concello igual a xente abandona os cans no concello focense. Para evitar estas circunstancias é polo que nós dicimos que a Deputación Provincial ten que ser a administración que coordine este servizo, que ademais é unha demanda que cada vez pedimos máis a sociedade”.
“Nós, desde Cervo, ofrecémonos a poñer uns terreos a disposición da Deputación de Lugo e tamén a acondicionalos para destinalos a ese centro de coordinación para a zona norte dese servizo de recollida de animais que nosoutros pensamos que debería ser xestionado pola Deputación en toda a provincia”, engadiu Villares.