Celeiro, 18 de novembro de 2015. O Foro final da elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Pesqueiro da Mariña-Ortegal, que guiará o vindeiro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da zona, tivo lugar onte en Celeiro coa participación de preto de medio cento de persoas, poñendo así o peche a un proceso caracterizado polo fondo compromiso participativo.
Na sesión, presentaronse os resultados do proceso, estruturado en mesas de traballo e comisión técnicas de seguimento. O Plan de Acción, que orientará a posta en marcha da estratexia ata 2020, dará resposta aos principais retos que se definiron durante o proceso, sinalando como algunhas das prioridades destacadas a necesidade de conseguir un modelo innovador de desenvolvemento do territorio, que garanta o aproveitamento sostible dos recursos; reforzar unha imaxe de marca do territorio que posicione á Mariña-Ortegal como destino turístico diferencial pola súa paisaxe, recursos ambientais e patrimoniais; dotarse de instrumentos que garantan un maior coidado do medio natural e mariño e mellorar a gobernanza do sector, mediante mecanismos que garantan a participación das entidades na xestión e o desenvolvemento da estratexia, así como a cooperación entre as entidades do territorio coas doutras zonas.
Precisamente, a dinámica da elaboración da estratexia ten sido un claro expoñente do valor da participación durante os case dous meses do proceso, no que se contou coas achegas e representación dun elevado número de entidades e axentes dos sectores pesqueiro, público, económico e social.
Todas as entidades presentes no foro final coincidiron en apuntar a relevancia de que o proceso participativo siga vivo, para afrontar un seguimento axeitado dos proxectos que se van executar, en relación ás medidas de acción propostas. O proceso culminará coa elaboración do documento final, que será presentado na Asemblea Xeral que terá lugar o 30 de novembro en Celeiro.