Veranio, Toñito e Amancio son personaxes familiares, grotescos e tenros, que irremediablemente sempre acaban chegando ao fondo das cousas. Os tres queren escapar dunha realidade frustrante e enterran a súa amargura no fútbol, posiblemente porque xa non cren en nada, nin se senten representados por ninguén.
O fútbol que é un bo pretexto para escaparlle ao serio, convértese así en algo esencial para aqueles que empezan perdendo a esperanza e terminan perdendo o rumbo. Dentro desa lóxica perversa, a televisión, responsable dun triste proceso de idiotización, acaba sendo o único deus que lle dá sentido ás súas vidas.
O autor, Maxi Rodríguez, saca o teatro á rúa para reflexionar sobre o que nos está pasando. Se elixe o fútbol como escusa é porque sabe que a paixón ispe ao home, confésao, e se as súas conclusións son demoledoras é porque a actualidade non dá para máis.
A representación de ‘Oé, oé, oé!’, dirixida por Ramón Casas, de 75 minutos de duración e dirixida a tódolos públicos terá lugar o vindeiro sábado 14 de novembro a partir das 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro da man de Ollomao e dentro do programa gratuíto Buxiganga Afeccionado promovido pola Deputación de Lugo.