Lugo, 11 de decembro de 2015.- A candidata de Nós – Candidatura Galega visitou este venres a estación de tren de Monforte onde constatou as deficiencias deste servizo.
“Lugo é a grande esquecida en materia de infraestruturas”, asegurou Olalla Rodil, poñendo como exemplo os limitados horarios e o custe dos billetes no traxecto que une a capital da provincia coa principal vila do sur, mais tamén a ausencia destes noutras vilas como Rábade ou Guitiriz, nas que xa estivo anteriormente.
“Lugo precisa de conexións ferroviarias que rachen coa súa desconexión territorial e por iso reclamaremos as competencias de transporte”, afirmou a candidata de Nós – Candidatura Galega, “para as deseñar en función das nosas necesidades”. “Non podemos ficar a expensas do que o goberno español de turno decida, sexa cal sexa a súa cor política”.
Neste senso, fronte ás promesas do presidente da Xunta de Galiza que asegurou será construído un tren de alta velocidade Lugo – Madrid que fará este traxecto en 3 horas, Olalla Rodil salientou a necesidade de unir Lugo coas principias cidades do país. “A nosa é a única cidade que non conta con tren a Compostela”.
“Falan dun tren a Madrid que xa prometeron en 2011 cando non somos quen de chegar a Ribadeo sen pasar por Ferrol”, denunciou. “Semella que quixeran levar os seus candidatos con maiores comodidades á capital de España, en troca de atender as necesidades reais da poboación que vive aquí”.