Lugo, 30 de decembro de 2015.- En relación coas declaracións do voceiro do PSOE, Álvaro Santos, sobre o pago de facturas, o Grupo do Partido Popular na Deputación, quere aclarar o seguinte:
Unha vez máis os informes de Intervención da Deputación de Lugo demostran que o socialista está a terxiversar a realidade e a enganar aos cidadáns no lugar de traballar para darlle resposta aos veciños da provincia, que é a súa responsabilidade.
Os informes de morosidade e de cumprimento de prazos no pago de facturas, publicados na web da Deputación, deixan entrever as mentiras do socialista, que non se sosteñen, xa que o Goberno Popular de Elena Candia actuou sempre dentro da normalidade.
Achégase Informe de Intervención, no que se recollen os seguintes datos:
1.- En xuño do ano 2015, o Goberno popular recibiu un importe de facturas pendente de pago de 4.375.426,51, mentres que o período medio de pago mensual era de 35,51 euros.
2.- Ademais, recolle datos máis alarmantes, como o de febreiro de 2015, no que o importe pendente de pago mensual era de 7.829.782,36 euros.
3.- En canto ao período medio de pago mensual, o maior período correspóndese co actual Goberno bipartito, en outubro de 43,57 días e en novembro de 51,46 días.
O Goberno do Partido Popular na Deputación, no lugar de dedicarse a criticar e a enganar aos veciños, centrouse en traballar polos lucenses e fíxolle fronte aos pagos que xa pasaran o proceso de fiscalización e xa estaban listos para a súa firma, mesmo o propio día da moción de censura, o deputado responsable asinou todos os pagos fiscalizados pendentes. A maiores, tamén se validaron facturas, tras que o anterior Goberno bipartito da Deputación incorrera en irregularidades administrativas e non seguira os pasos oportunos na súa tramitación. Nunha Xunta de Goberno, o PP validou facturas por un importe superior aos 104.000 euros que correspondían a servizos tan básicos como o alumeado, a seguridade da administración ou a telefonía, ademais de alimentos para a Granxa Gayoso Castro.