Ribadeo, 27 de xaneiro de 2016.- A Delegación Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) e a Concellaría de Igualdade están a organizar un grupo terapéutico en Ribadeo.
Segundo explican desde Igualdade “no grupo ofertarase un tratamento terapéutico de natureza psicolóxica ás pacientes de maneira grupal coa finalidade de mellorar a súa capacidade de afrontamento e a calidade de vida”.
E engaden que “coa creación deste grupo preténdese dotar aos seus membros de estratexias acaídas para sobrelevar a enfermidade e dos recursos cognitivos e emocionais adaptativos para o cambio. Ademais aumenta a autonomía e o crecemento persoal evitando a cronificación e favorecendo a diminución sintomatolóxica nas áreas afectadas pola enfermidade”.
Os obxectivos xerais do grupo terapéutico son: facilitar a adaptación a enfermidade; diminuír as reaccións emocionais desadaptativas orixinadas pola diagnose da enfermidade e o seu tratamento; facilitar a expresión de emocións e pensamentos arredor da experiencia do cancro e as súas consecuencias; contribuír a acadar un adecuado nivel de funcionamento persoal (psicolóxico, familiar e social) tras a enfermidade; facilitar a adquisición de habilidades para relacionarse adaptativamente co entorno; mellorar a dinámica da relación familiar e de parella e mellorar o apoio social.
Desde a Concellaría de Igualdade indican que “a intervención grupal está dirixida a aquelas pacientes e/ou familiares que presenten reaccións emocionais desadaptativas que dificultan ou interfiren nas súas relacións interpersoais, laborais, de parella e/ou sexuais, ou que xeran un malestar significativo e unha diminución na súa calidade de vida. O grupo será dinamizado pola psicóloga da asociación provincial de Lugo contra o cancro”.
A intervención desenvolvérase nun total de 8 sesións de 90 minutos de duración unha vez a semana. A primeira sesión tivo lugar este luns, 25 de xaneiro. Sen embargo, aquelas persoas que se queiran incorporar a este grupo poderán facelo na 4º sesión que será o 15 de febreiro. O grupo terapeútico lévase a cabo na Casa da Xuventude en horario de 11 a 12:30 horas.
Máis información do grupo e inscricións:
AECC de Lugo: 982 25 08 09 email : lugo@aecc.es
CIM de Ribadeo: 982 12 07 39 ou no cim@ribadeo.org
Esta actividade está organizada pola Delegación Local de Ribadeo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en colaboración coa Concellaría de Igualdade de Ribadeo.