Tralo pleno ordinario do Concello de Foz celebrado o pasado xoves, “Foz, Plataforma de Futuro” resalta que:
– no punto 3 da orde do día temos a “delegación de facultades en materia de xestión, liquidación, recadación e inspección tributaria na Deputación Provincial de Lugo do IBI, IAE e IVTM, tanto en período voluntario como en vía executiva”. Este punto xa foi levado a pleno varias veces sen conseguir, o equipo de goberno, aprobar esta delegación a Deputación. Pero nesta ocasión, co apoio do BNG, si foi aprobado.
Dende “Foz, Plataforma de Futuro” non vemos que teña vantaxes que a recadación dos impostos municipais se leve para Lugo, cando o Concello vai ter que pagar unha boa suma de diñeiro por este servizo. O sr. Alcalde nos dí que mellorará o cobro da vía executiva. Nun informe de intervención sobre este aspecto refléxase claramente que noutros concellos similares ó noso o cobro por vía executiva non supera o 20%, ou sexa que seguiremos con cifras de cobro similares as actuais, pero pagando por un servizo. A nosa proposta é que ese diñeiro que se vai pagar a Deputación se invista en contratar máis persoal para recadación e ofertar un mellor servizo aos veciños e veciñas, como ben se reflexa no informe de intervención. Sempre defendemos a proximidade da administración local aos veciños e veciñas e está claro que, deste xeito, o que se está facendo é afastala e posiblemente, obrigar a algún veciño ou veciña a resolver trámites a Lugo”.
– No punto 4 temos “Obradoiro de emprego Pardo de Cela III”. Este é un convenio de colaboración entre os concellos de Foz, Alfoz, Mondoñedo e Valadouro para a continuidade do módulo de silvicultura levado a cabo xa no ano pasado, e que a xestión a levará o noso concello. Estamos a favor da creación de emprego, aínda que sexa temporal, como é o caso; pero non estamos de acordo coas formas de proceder do equipo de goberno xa que este convenio ten reparos de intervención e secretaría.
– No seguinte punto trátase de aprobar unha transferencia de crédito de partidas de distinta área de gasto para facer fronte á dotación de gasto de persoal para o incremento da RPT e a suba do 1 % da lei de orzamentos. Estamos a favor de que os empregados municipais cobren o que se merecen e o que é deles de pleno dereito. FPF non pode actuar doutro xeito e aproba esta modificación de crédito, dunha suba salarial que foi acordada por outras corporacións municipais e que agora toca facer fronte ao 40%. O sr. Alcalde, sen ter a maioría na corporación, comprometeuse cos empregados municipais a que neste mes de xaneiro se aprobaría esta partida económica. Así se non se aprobaba sería culpa da oposición. Esta medida ten reparos de intervención, os mesmos que tiña a proposta de baixada do IBI do PSOE e FPF. Estamos vendo que o sr. Alcalde ten distintas varas de medir para segundo que casos.
“Foz, Plataforma de Futuro” levaba 3 mocións a este pleno:
• Instamos ao equipo de goberno á limpeza de distintos camiños públicos do noso concello. Estes camiños normalmente son usados nas parroquias para non ter que acceder á estrada xeral e ó mesmo tempo de uso para acceder a fincas ou para o traslado de animais dende as zonas de pasto. Instar ao Concello de Foz a proceder á limpeza dos seguintes camiños públicos para uso dos nosos veciños e veciñas que habitualmente os utilizan, algúns deles totalmente intransitables, e outros entendemos facía falla atendelos antes de que se poñan, como por exemplo, o camiño que une Ribela e estrada da Lamallada ou o camiño que une Avda. de Asturias e Camiño Vello ou o camiño do Cristo en Sta Cecilia ou o camiño do Lavadero en Mañente, etc, etc.
Así mesmo, entendemos que se debería facer un estudio e planificación dos camiños públicos do noso concello, para proceder á súa limpeza seguindo unha orde determinada e quedaría para os vindeiros anos ir facendo un mantemento e non sería necesario un esforzo tan grande como cando están completamente cerrados.Esta proposta é aprobada pola unanimidade da corporación.
• Instamos o Ministerio de Medio Ambiente e Costas a que se corrixan certas deficiencias antes de que sexa entregada a obra do carril bici. Dende FPF valoramos que esta obra era necesaria para dar un novo servizo aos nosos veciños e veciñas e aos nosos visitantes. Esta obra dende que estea finalizada, o Alcalde, como xa manifestou en anteriores ocasións, ten intención de que esta estrada sexa traspasada ao noso Concello, así mesmo o mantemento a posteriores do carril bici vai correr a cargo do Concello de Foz. Entendemos dende FPF que esta obra do carril bici que se está executando, cando se ve no proxecto non é o mesmo que cando se ve a súa execución e hai certas deficiencias que non sería posible aprecialas ata estes momentos, como FPF puidemos comprobar e nos gustaría que fosen corrixidas antes da recepción da obra polo interese xeral. Entre as deficiencias expostas cabe destacar a pouca accesibilidade para persoas con discapacidade ao paseo, pasos de peóns sen conexión co paseo, merma de aparcamentos, cunetas moi profuntas, etc. Esta moción foi aprobada cos votos favorables do resto dos partidos da oposición e coa abstención do PP o cal denota o pouco interese do equipo de goberno en arranxar ditas deficiencias.
• Instamos á Xunta de Galicia a retomar e acabar o proxecto da estrada Foz-Ferreira no km. 4. Á altura do punto quilométrico número 4 na estrada LU-152 competencia da Xunta de Galicia, Foz-Ferreira, atopámonos no barrio de Ver en San Martiño que hai un enlace dende esta dirección á antiga estrada que pasaba por este lugar antes de facer a nova. Xa en campaña electoral veciños desta zona nos fixeron chegar aos membros de FPF un plano e a petición de facer os trámites pertinentes para dar solución definitiva a un proxecto que xa estaba en marcha con anterioridade e non se deu finalizado. Esta estrada de unión entre a principal e a antiga serviría para acceder e saír deste barrio tal vez con máis facilidade e menos perigo que cos enlaces existentes na actualidade. Esta obra consiste na ampliación deste enlace co ancheamento da calzada, durante 52 metros e canalización durante 38 metros dun rego de auga e a súa posterior reposición de pavimento e a súa sinalizacións correspondente. Comprobamos como o sr. Alcalde nos minte cando lle interesa, sen ningún tipo de miramentos, xa que nos di na comisión preparatoria de pleno que a obra foi rematada, de acordo cos veciños da zona, tal cal está. O acordo cos veciños foi asfaltar dita vía cun ancho de 5 metros e podemos comprobar que na súa parte máis ancha ten 3,7 metros así como a canalización do rego existente e que non se levou a cabo. A moción foi aprobada cos votos favorables do resto dos partidos da oposición e cos votos en contra do PP.
Entre as mocións que presentan o resto dos grupos cabe destacar a que propón o BNG polo que se solicita unha nova exposición pública previa a aprobación provisional do PXOM.
FPF mantén a súa postura de defender a claridade e transparencia de toda a información que se aporte aos veciños e veciñas de Foz nun punto tan importante como é o PXOM. Por iso apoiamos dita moción.
“Estamos moi sorprendidos de que o BNG recuara e despois dun receso do pleno proposto polo Alcalde para xuntarse cos portavoces, esta moción quede enriba da mesa para tratar noutra ocasión”.