Cervo, 27 de xaneiro de 2016. Un colectivo de veciños e veciñas de Cervo rexistra no concello unha petición avalada por mais de 1.600 sinaturas recollidas na plataforma Change.org e físicas para reclamar que se habilite unha praia do concello para uso canino así como un espazo verde para un parque canino. Os e as promotores da iniciativa afirman que o concello de Cervo dispón de espazos, xa sexa de titularidade municipal como doutras administracións que contan coas características idóneas para estas instalacións.
Diego Fernández, un dos promotores da iniciativa, xustifica a necesidade destas instalacións “porque cada vez son mais as persoas que teñen mascota, fundamentalmente canina, e teñen dereito a poder facer uso da natureza sen prohibicións, que especialmente en tempada de verán, impide o uso das praias do municipio polos cans”.
Fernández explica que “mesmo desde o punto de vista turístico si o concello de Cervo conta cunhas instalacións que permitan gozar dos animais con xogos e os equipos existentes na actualidade en servizos destas características o concello pode ofertalo como un atractivo turístico mais aos seus visitantes”. Hoxe son moitas as persoas que viaxan con mascotas e buscan aloxamentos hostaleiros que admitan a entrada de mascotas, “ter unha praia disponíbel para o paseo e unha zona verde equipada sería un atractivo mais para ofertar e mellorar o atractivo turístico do concello.”
Para os promotores as 1.602 sinaturas de apoio recibidas deberan facer reflexionar ao goberno municipal sobre a necesidade dun espazo deste tipo, polo que piden ao goberno municipal e tamén ao conxunto da corporación o seu apoio para permitir que nun período curto de tempo, o concello de Cervo “faga posíbel que unha das praias do concello estea disponíbel para os nosos cans, e acondicione un espazo que faga as veces de parque canino, con papeleiras para o depósito de residuos orgánicos e zonas amplas e ben delimitadas onde veciñanza e visitantes poidan gozar xunto coas súas mascotas e estas poidan correr, xogar, socializarse… sen molestar a quen non lle gusten os animais.”