O Grupo Galipizza anunciaba poucos segundos despois das badaladas de ano novo, a través das redes sociais, o nacemento do primeiro bebé do ano 2016: é unha nena que naceu moi sa e que se chama Mariña.
O anuncio corresponde á campaña publicitaria de lanzamento da súa nova hamburguesa de merluza do pincho que recibirá o nome de “Mariña” en homenaxe á comarca onde naceu a empresa fai 22 anos e que, coa actividade dos portos de Celeiro e Burela, tamén é a maior potencia europea na pesca da merluza do pincho.
Coa nova “Mariña”, Galipizza consegue introducir o pescado dentro da súa oferta de hamburguesas gourmet, axudando a fomentar o seu consumo. E, ademais, faino co produto estrela do Mar de Lugo: a merluza do pincho, coa que promocionará o nome da Mariña Lucense nos seus locais de Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago de Compostela, Xixón, A Coruña e Oviedo.
O “bautismo” da nova “nena” de Galipizza celebrarase o vindeiro xoves 7 de xaneiro cunha degustación gratuíta entre os clientes do local orixinario de Galipizza en Covas – Viveiro, ubicado precisamente enfronte, coa ría de Viveiro no medio, ao porto de Celeiro, cuxa merluza do pincho “Gran Sol” se convertía no 2002 no primeiro producto fresco procedente do mar comercializado co selo de garantía “Galicia Calidade”.
A merluza do pincho é un produto de máxima calidade, sa e recomendable, pescada individualmente con anzó de forma totalmente sostible. Sete de cada dez merluzas frescas que saen de Galicia véndense en lonxas que xestionan os portos de Celeiro e Armadores de Burela, que acreditan a súa merluza do pincho con diferentes distintivos de calidade. Aínda que a merluza do pincho é xa de sobra coñecida e valorada nos mercados e na gastronomía, esta nova aposta de Galipizza será un gran escaparate para a merluza do pincho e todo o sector da pesca artesá da Mariña de Lugo.
A merluza é o pescado preferido polos consumidores españois e, aínda que tradicionalmente aos nenos non lles gusta o peixe… si lles encantan as hamburguesas. Con “Mariña” Galipizza quere colaborar tamén á mellora dos hábitos alimentarios dos máis pequenos axudando a introducir o peixe na dieta da familia.