O BNG do Vicedo ven de rexistrar unha moción para o seu debate no seguinte pleno ordinario, que terá lugar o vindeiro día 27 de xaneiro, para a combater o desemprego e a emigración xuvenil que tanto sufre un concello rural e pequeno como é o caso do Vicedo.
Os nacionalistas vicedenses esgrimen a través da voz do seu voceiro no concello, Adrián Piñón, “que é necesario un plan de choque do concello para eliminar esta lacra que afecta á nosa sociedade, xa que segundo resaltan os datos da EPA, a finais do 2015, máis do 50% das mozas e mozos galegos non tiñan traballo; e os que o teñen, cobran un salario que non lles garante vivir dignamente”. O paro xuvenil e a falla de oportunidades impulsan ás mozas e mozos a buscar oportunidades laborais fóra do concello
Así os xoves concelleiros do BNG do Vicedo insisten en que se fai necesario, unha aposta rigorosa para o fomento do emprego digno destinado á mocidade, que posibilite condicións favorábeis para a creación de postos de traballo, co obxectivo de evitar a fuga de persoas novas e posibilitar o regreso da mocidade emigrada nos últimos anos.
Inma García, concelleira do grupo municipal sinalou que “se propoñen entre outras medidas a creacion dun plan de emprego municipal de fomento do emprego destinado á mocidade ou establecer un convenio de colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega, para a creación de becas FEUGA de formación remuneradas nas empresas da zona”.
O BNG solicita que se axude ós emprendedores que impulsen empresas no concello, sobre todo as relacionadas co agro, o mar e o turismo sostible.
Tamén solicitan a creación dun servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego, así como axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas da mocidade para a creación e mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, así como proxectos turísticos, en especial os relacionados co entorno.