Ribadeo, 22 de xaneiro de 2016.- O Entroido, o teatro e o día dedicado a Rosalía de Castro centran a programación cultural do Concello ribadense para o primeiro trimestre do ano, que tamén inclúe un concerto do cantautor Álex Ubago o 19 de marzo. A axenda foi presentada este venres ao mediodía polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e polo técnico deste departamento, David Díaz.
Graña referiuse ás actividades xa realizadas en xaneiro, como o concerto didáctico de Odaiko ou ás dúas exposicións que se poden ver estes días en Ribadeo e tamén á axenda prevista para os vindeiros días, onde destacou a celebración do Entroido “que este ano vén cedo e xa nos estamos preparando para el. A comisión organizadora está xa a pleno rendemento e imos poder gozar dos freixós a partir desta fin de semana e a que vén, estas dúas fins de semana imos poder degustalos. E en 15 días estaremos xa en plena festa rachada do Entroido, onde poñeremos todo, como é de costume e como ten que ser no Entroido, patas arriba”.
Farruco Graña dixo que “ademais vai haber unha novidade este ano no Entroido moi interesante, é que as mulleres especialmente van poder celebrar con toda a ansia do mundo o Venres de Comadres. Haberá degustación de cocido, coma sempre, nos distintos restaurantes da vila e, como non, bailes para os cativos e para os mozos. E teremos o gran desfile o martes de Entroido, ao que convidamos aos ribadenses e ás ribadenses pero tamén á xente dos concellos veciños da Mariña e aos do outro lado da ría de Ribadeo; toda a xente está convidada a vir a celebrar o Entroido a Ribadeo e a participar nese desfile, porque ademais ten interesantes premios: para charangas, tamén para a contracharanga, un premio especial de carácter honorífico á mellor mascarita para recuperar unha vella tradición do Entroido de Ribadeo, haberá premios para as carrozas e para os grupos, para as parellas e a título individual. Son en torno a 5.000 euros en premios, polo que paga a pena primeiro saborear o Entroido e mergullarse de cheo na festa, pero se ademais resulta que despois podemos celebralo cun premio gañado no desfile mellor que mellor. Haberá que poñer remate ao Entroido o fin de semana seguinte coa Queima do Entroido e tamén cunha sesión de fogos artificiais”.
O concelleiro de Cultura dixo que “coma sempre, despois da festa do Entroido virá un tempo de recollida para xa emprender o camiño cara á primavera. E farémolo escoitando máis música, vendo teatro e contemplando novas exposicións. Haberá ocasión tamén para celebrar o nacemento de Rosalía e para poñer en marcha unha nova aposta da Concellería de Cultura, que será a poesía co ciclo Ventos poéticos e farémolo, como non podía ser menos e que xa que gozamos da compañía de Xavier Rodríguez Baixeras no noso concello, con el mesmo, que dará un recital en homenaxe a Rosalía o 25 de febreiro”.
E engadiu que “teremos máis teatro afeccionado e profesional, tamén do veciño país Portugal, tan próximo a nós, e haberá ocasións máis adiante para traer grupos de teatro de fóra de Galiza. E a música será de todo tipo: folk, pop, clásica a través da propia Banda de Ribadeo, música da Coral ribadense, xa que as dúas formacións locais darán os seus clásicos concertos de Semana Santa. E igual se vai larvando algunha sorpresa máis, que estamos aínda artellando, porque a vida cultural de Ribadeo é activa e intensa; a nós gústanos que veñan cousas a Ribadeo e damos as posibilidades que están ao noso alcance para facilitar que se celebren actos culturais en Ribadeo e tamén hai xente de fóra que ten moito interese por achegarse aquí para darnos a coñecer as súas propostas, polo que estamos pendentes de que se concrete algunha actividade máis”.
O técnico de Cultura, David Díaz, fixo fincapé na programación teatral “que vai continuar coa liña de traballo destes anos do Concello, prestando atención á dramaturxia galega nun dobre sentido: por un lado para o público adulto, con obras como Ensaio sobre a cegueira, a partir da obra de José Saramago, de Sarabela Teatro; e tamén obras dirixidas ao público infantil como Xoga, da compañía Entremans. Ademais introducirémonos no veciño país portugués coa obra Novecentos. O pianista do océano, de Peripécia Teatro. E despois tamén teremos participación de compañías de teatro afeccionado; neste xa mañá, sábado, traemos á compañía teatral Mariñán, que chega desde Betanzos para presentarnos a obra O de menos é o nome. E o grupo de teatro de Ribadeo proximamente presentará a súa obra”.
Díaz considera que “é importante reivindicar o 24 de febreiro como Día de Rosalía, non só a súa figura senón aproveitar para resaltar un día, á espera de tempos mellores de reivindicación da nosa autora, facelo desde o propio Concello cun programa amplo e completo ao seu redor. Teremos un recital poético, que inicia unha serie chamada Ventos poéticos; contamos coa figura xa recorrente pero moi proveitosa de Xavier Rodríguez Baixeras. E despois teremos o día 27 de febreiro no Cine Teatro de Ribadeo un interesante complemento entre teatro e música cun grupo de tres mulleres, que farán aquí unha pequena peza cunha revisión de Rosalía traída a actualidade e fóra dos tópicos que xa estamos afeitos a escoitar, chamado Daquelas que cantan, e posteriormente teremos un concerto do grupo Puntada sen fío, no que terá importante cabida a poética rosaliana e non só”.























A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo destacaron que esta iniciativa busca dinamizar os domingos de feira e dar visibilidade ao traballo artesán. As inscricións poden realizarse ata o 26 de abril, cubrindo o formulario dispoñible en vilalba.gal/novas e enviándoo a feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida. Para consultas, está dispoñible o teléfono 982 51 03 05.
A representación desenvolverase na praza do mosteiro, na igrexa e nos espazos exteriores habituais para escenas como o xuízo ante Pilatos, o horto e a crucifixión. Participarán a Garda Pretoriana de Lugo, a Percussio Praetoria e o grupo Galiclasic, nun evento recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional e no que colaboran arredor de cen persoas.
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza a participar no novo Guateque de Arruguiñas, unha proposta pensada para fomentar o encontro interxeracional, a convivencia e o lecer compartido. O evento celebrarase este martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa do Mar de San Cibrao. A xornada incluirá actuación musical, bingo e chocolate, actividades organizadas polo alumnado de 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar. O Concello anima a participar e desfrutar dunha tarde especial de convivencia e diversión.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.



