Ribadeo, 29 de xaneiro de 2016. A residencia de maiores centro parte do pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, cualificou de apaixoante a sesión e asegurou sentir vergoña allea coa actitude mantida polo grupo municipal do PP. O rexedor acusa a Jesús Penabad e aos seus compañeiros de formación de actuar coma monicreques do que lles di a Xunta de Galicia e insiste en que a residencia será unha realidade.
Suárez Barcia dixo que “foi certamente apaixoante este pleno celebrado onte. Todos os asuntos son importantes, algúns son recorrentes e outros, coma o asunto da residencia a min particularmente e supoño que ao resto de membros do PSOE e Ciudadanos pásanos o mesmo, que nos provoca vergoña allea, que nos poñemos colorados ao escoitar aos representantes do PP de Ribadeo actualmente. Cánta diferenza hai, coas discrepancias que puidéramos ter cos membros do PP da outra Corporación, na calidade humana e na calidade da defensa dos intereses dos veciños. Cando hai que poñerse por enriba do partido e cando hai que dar un puñetazo enriba da mesa si fai falta dáse, pero aquí parece que o señor Penabad e os seus compañeiros son auténticos monicreques do que lles din na Xunta de Galicia”. O alcalde subliñou que “esa institución néganos e negounos o pan e a auga, o pan e o sal, durante todo este tempo e a pesares de todo iso a residencia estase a facer e acabarase con máis ou con menos problemas, con máis ou menos dor, con máis ou menos sufrimento Ribadeo, os seus veciños, os seus homes e as súas mulleres contarán con esta instalación”.
O rexedor lembrou que “noutros sitios ben próximos aquí, e eu alégrome por eles, por exemplo en Foz, a Xunta fai de carrerilla unha residencia e non pon ningún problema e aquí, en Ribadeo, parece que lle doe que nosoutros sexamos quen, de entre todos, sacar isto adiante. Desde logo estas mocións que presenta o PP tentando iluminar o noso camiño, dicirnos como debe ser a residencia, que queren que sexa pública e que non se privatice. Pois moitas grazas señores do PP de Ribadeo, grazas pola súa iluminación e por amosarnos o camiño porque senón igual tropezabamos contra as paredes. Da vergoña escoitar ao señor Penabad, cómo sucumbe ás estratexias que lle mandan desde Santiago”.
Fernando Suárez declarou que “nós, e cando me refiro a nós refírome a toda a Corporación menos a eles porque se quixeron descabalgar, sempre quixemos o mesmo é dicir que houbera unha residencia en Ribadeo, que a residencia fora principalmente para os veciños e as veciñas de Ribadeo, e que os prezos foran asumibles para a xente de Ribadeo. Nós traballamos con ese norte. Teremos que cumprir as normas que outros nos marcan, porque os Concellos non creamos normas, as normas son as leis do Estado e as leis da Xunta e as propias leis do Estado din que o servizos sociais son desde o 1 de xaneiro deste ano propiedade, titularidade e responsabilidade da comunidade autónoma”.O rexedor considera que “quizais cando acabemos a residencia a teña que xestionar a Xunta, nós non o queremos, nós queremos xestionala nós e a lei di que cando esa situación se produza a Xunta tennos que dar o soporte económico necesario, porque o di a lei, non porque o diga eu que son do BNG, nin porque o diga Roberto que é do PSOE, nin porque o diga Marta que é de Ciudadanos. Os que están absolutamente idos da realidade son estes señores do PP. Nós baseámonos nos informes técnicos, nos informes xurídicos, cousa que eles non teñen, porque aportan e ensinan informes de non sei quen, que non son nin da Xunta, porque si fose así mandaríannolos polo vía administrativa”.
O alcalde engadiu: “desde logo unha vergoña, pero a pesares de todo iso dicirlles que a residencia será unha realidade, con eles ou sen eles, tardará un chisquiño máis ou un chisquiño menos, pero ha de abrir as súas portas canto antes poidamos”.
Outros asuntos
No pleno ordinario deste xoves aprobouse por unanimidade a creación dun plan estratéxico de subvencións “para contar cunha supervisión de todo o sistema de axudas que concedemos ao longo do ano, practicamente medio millón de euros. E logo veremos si se poden ampliar, reducir ou crear algunhas novas. Por amplas maiorías aprobamos a proposta do PSOE para a derogación da lei 27/2013, a do BNG para a eliminación desta vexetación invasiva como é o carrizo da pampa ou mesmo a proposta para iniciar a creación dun proxecto museístico en Ribadeo para que o pedimos axuda á Xunta e á Deputación e que eses achados que agora se atopan en Vilalba, en Vigo ou en Bueu, que poidan estar en Ribadeo en non moito tempo, en concreto no forte de San Damián”, indicou o alcalde, Fernando Suárez.