A Agrupación Socialista de Ribadeo ven de celebrar una Asemblea Aberta o pasado luns. Trátase da primeira reunión deste tipo e aseguran que é un acto que se vai repetir cada dous meses para compartir cos veciños e veciñas as inquedanzas, propostas e consideracións que se poidan tramitar directamente dende a agrupación ou que se poidan canalizar a través da mesma.
Nesta primeira ocasión contaron ca asistencia de representantes de diversas asociacións de Ribadeo e a Secretaria Xeral comezou o evento presentando a liña de traballo que teñen pensado poñer en marcha dende xa.
Sendo que a política é imprescindible en canto que rexe a convivencia, é obxectivo prioritario da Agrupación traballar para que os veciños e as veciñas recuperen a confianza na política e, particularmente, no proxecto socialista e nas persoas que o representan no noso concello, polo que todas as actuacións que se van realizar estarán encamiñadas a procurar un contacto directo entre os membros da nova executiva e todas aquelas persoas que queiran achegarse a eles para compartir preocupacións, iniciativas, denuncias ou ideas de interese para o pobo. Para iso, ademais das asembleas abertas bimensuais, os e as ribadenses terán á súa disposición unha dirección postal e outra de correo electrónico para comunicarse ca executiva; as portas da sede da agrupación estarán abertas os mércores, en horario de mañá e de tarde; e retomarán as visitas periódicas ás parroquias que se iniciaron durante a campaña das últimas municipais.
Por outra banda, van poñer en marcha actividades de interese xeral coma un ciclo de charlas que incluirá temas relacionados coa saúde, facenda, iniciativa empresarial, acoso, igualdade, homofobia e transfobia, e outros que se irán incorporando ó programa segundo vaian vendo o interese e asistencia ás charlas.
Este ciclo iniciarase o sábado 5 de marzo, con motivo da celebración do día da muller traballadora, con dúas conferencias de especial interese para as mulleres que impartirá o Dr. Cristóbal Garfia, especialista en xinecoloxía e obstetricia con clínica en Burela.
Para celebrar esta mesma data, presentarán un certame de relatos curtos dirixido a rapaces e rapazas que viven no concello ou que estudan nos centros municipais baixo o tema “A Muller”, para os mais novos, e “Muller Traballadora” para os mais maiores.
Nin que dicir ten que forma parte tamén do seu plan de traballo defender, da man dos concelleiros socialistas, o programa que o partido levou ás pasadas municipais e as reivindicacións que os veciños e veciñas lles fagan chegar. Por exemplo, a Asociación Atalaia reiterou na asemblea aberta a reclamación de que non se suban os impostos locais e mesmo se elimine o chamado imposto de plusvalía. Membros da agrupación e do grupo municipal xa mantiveran unha reunión cos representantes desta Asociación antes do Nadal e tiñan coñecemento da súa petición e da súa preocupación por como ía afectar ós veciños e veciñas a revisión do Catastro, polo que xa teñen preparada unha moción relativa a este asunto.
Ademais, van solicitar ó goberno municipal que se graven os plenos en vídeo e que se colguen na páxina web do concello para que estean a disposición de todos e todas as persoas que os queiran ver e que non poden acudir ó salón de plenos do concello nas datas ou horas que se sinalan para os mesmos. Isto forma parte da súa defensa da transparencia nas actuacións políticas municipais e non é novo no noso estado, onde xa hai moitos concellos que o fan dende hai tempo.
Outros temas que se trataron na asemblea da man da Plataforma “O Noso Faro” foron o proxecto de apertura dun hotel na Illa Pancha, a situación dos vertidos á ría, a recuperación da Plataforma Pola Defensa da Ría, e a necesidade dun plan de ordenación de recursos naturais e dun inventario de emisarios.
Tamén se puxo en coñecemento da Executiva socialista que o CEMIR, que foi dotado cun número importante de ordenadores, está pechado tres ou catro meses do ano de tal maneira que os veciños e veciñas que non teñen este tipo de equipos na súas casas ou que non teñen acceso ó internet, non poden tampouco utilizar uns recursos que son de todos e de todas.
E algo que ven de lonxe e que demostra que o concello segue a ter ás parroquias esquecidas: colectores de lixo que acumulan restos dende o inicio dos tempos…
A executiva engade: estradas intransitables, cunetas sen limpar, a rede de sumidoiros sen proxectar,…
Foi unha reunión que describen coma proveitosa polo que se mostran satisfeitos e confían en que as próximas asembleas volvan a ser punto de encontro para os asistentes a esta primeira e que se incorporen a elas moitos outros veciños e veciñas.