Burela, 29 de febreiro de 2016. A sala de conferencias acollía o pasado sábado a presentación do libro Caboverdianas en Burela, de Luzia Oca. A concelleira de Inmigración e Cooperación, Angélica Gómez, da as grazas “a todas as persoas que asistiron, sobre todo a Luzia Oca pola marabillosa presentación que fixo e a Bernardo Penabade, por axudarme a presentala como se merece”.
A edil socialista tamén agradeceu “a participación do grupo Batuko Tabanka e de Raventola por ese fantástico peche do acto, cunha actuación moi bonita e emotiva”.
Luzia Oca analizou na súa intervención aspectos como a migración, as relacións de xénero e a intervención social deste colectivo, o das mulleres caboverdianas que viven en Burela, desde 1978 a 2008.
A obra, que foi galardoada co premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2014, foi presentada en Foz e en Burela esta fin de semana.