Burela, 1 de febreiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, salienta que o Concello está a pagar aos seus provedores en menos dun mes. O período medio de pago “está en vintecinco días, prazo moito máis reducido do que contempla a Lei”, di o rexedor burelés.
Alfredo Llano lembra que “a actual Corporación herdou unha situación difícil, xa que non había nin Intervención” e sinalou que “o que tentamos foi mellorar esta situación. O período medio de pago trimestral reduciuse moito. Na actualidade é de 25 días, en concreto no último trimestre de 2015, xa que baixamos ese prazo en 4,47 días”.
O alcalde dixo que “isto é algo moi interesante para quen está a traballar con nós, xa que están a cobrar as súas facturas en períodos que son moito máis reducidos dos que establece a Lei”. Para Alfredo Llano “isto quere dicir que se están a facer ben as cousas e polo tanto é unha boa noticia para Burela e para os seus veciños”.