SON VIVEIRO insta ao consistorio local a sumarse ao apoio á Carta Europea das Linguas coa iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística.
Con este comunicado, a coalición viveirense confía en que a totalidade dos grupos que conforman a Corporación se manifesten a favor da iniciativa, incluído o PP, dado que “o galego é de todos”, e co gallo de romper coa política da Xunta de Galicia, derrogando os artigos que lle poñen límites á nosa língua nas aulas, entre os cales se atopan a imposición de porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de empregar o idioma natural de Galicia no estudo das materias científico-técnicas ou matemáticas.
PROPOSTA DE MOCIÓN EN TODOS OS CONCELLOS DE GALIZA PARA O CUMPRIMENTO REAL E EFECTIVO DA CARTA EUROPEA DAS LINGUAS REXIONAIS E MINORIZADAS
O pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíanse públicas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa ao Estado español.
Nestas recomendacións, o Comité de expertos e o Comité de Ministros sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e a propia Xunta de Galiza se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001.
O Concello de Viveiro manifesta o seu compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos, nomeadamente en relación á lingua galega como lingua propia e oficial de Galiza e
INSTA á Xunta de Galiza a:
– Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e exixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.
– Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na alínea 640 do informe que afirma que o decreto 79/2010 de plurilingüísmo contradí o establecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.
– Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.
– Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materia a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.
– Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.