Lugo, 17 de marzo de 2016.- O Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, xunto co concelleiro de deporte de Ribadeo, David Ribas, e representantes e xogadores do Be One CB Ría de Ribadeo, presentaron este xoves ao serán no pavillón novo de Ribadeo, a III edición da Copa Deputación de Baloncesto base que se celebrará os vindeiros días 19 e 20 de marzo nos Pavillóns Municipais do concello de Ribadeo. A terceira edición contará con 68 equipas participantes, e dicir, 23 mais que na pasada edición do 2015. “Esta fin de semana veremos a consolidación dun proxecto que comezou no 2014 e que permite que toda a base do baloncesto lucense poida participar nun modelo de competición similar ós maratóns que tanto éxito tiveron na provincia de Lugo noutras modalidades deportivas” sinalou Veiga.
A competición reunirá no concello mariñán a mais de 600 deportistas federados pertencentes a diferentes categorías como son preminibasket feminino, preminibasket mixto, minibasket feminino e mixto, infantil masculino e feminino e cadetes feminino e masculino. O sábado competirán as categorías cadete e infantil, e o domingo será a quenda dos deportistas mais novos correspondentes as categorías premini e mini. Antonio Veiga lembrou que “ a Copa Deputación conta con categorías tanto masculinas coma femininas, así coma con categorías mixtas, neste senso, a Área de Deporte da Deputación continuará apoiando eventos e actividades que contribuan a promover e fomentar a igualdade e a permitir que máis mozos e mozas podan practicar deporte de forma segura”.
A organización cubre a totalidade dos custos do troeneo, entre os cales figuran os desprazamentos emanutención dos mozos e mozas, así mesmo, as equipas participantes recibirán diverso material deportivo e os xogadores un detalle pola súa participación, así como os trofeos para as equipas finalistas.
Por primeira vez o Concello de Ribadeo acolle integramente a competición nas súas diferentes categorías, neste senso, o Deputado- Delegado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, lembrou que “ o forte esforzo inversor realizado no Concello de Ribadeo para restaurar o Pavillón Municipal de Ribadeo teñen en datas coma as da celebración da III Copa Deputación de Baloncesto a súa recompensa, pois, este tipo de eventos adicados a competicións non profesionais son quen de mobilizar un elevado número de afeccionados que a bo seguro se notarán no sector servizos de Ribadeo durante a fin de semana.