A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro organiza unha Master Class de cociña da man do Chef Héctor López do Restaurante España, membro do Grupo Nove e xurado do programa “Entre Fogóns”.
O Grupo Nove é un colectivo formado por 22 cociñeiros de restaurantes galegos, unidos para reivindicar a modernidade e vixencia da nova cociña galega, sen renunciar ás orixes da vangarda gastronómica “made in Galicia” que combina o mellor da tradición e a innovación. Entre todos os seus compoñentes suman 8 estrelas Michelín e 19 Soles Repsol.
A Master Class impartirase o xoves 31 de marzo ás 17.00 horas nas instalacións do Restaurante Louzao.
Os asociados do sector hostaleiro do CCHV poderán coñecer en directo técnicas da cociña deste afamado chef, para despois plasmar as ideas nas súas creacións de face á V Edición do Concurso de Tapas CCHV, que este ano se celebrará do xoves 14 ao domingo 17 de abril.
Serán unha vintena de profesionais hostaleiros de negocios asociados ao Centro Histórico os que poderán aprender e gozar nesta master class, entre outras cousas, de técnicas de emplatado e presentacións, co afán de seguir mellorando as creacións que ofrecen xoves tras xoves no Juepeo (os xoves en Viveiro hai tapeo), que este mes de maio cumprirá 1 ano desde que empezou a andar e que xa se fixo un oco nos costumes dos clientes.
Este ano o Concurso de Tapas terá novidades, entre elas, esta que xa vos adiantamos, unha Master Class dun dos grandes chefs que temos a día de hoxe no panorama galego.