Xoves, 24 de marzo de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou unha moción para o debate na sesión plenaria do martes en defensa das Deputacións e da posta en valor das súas competencias como entes supramunicipais de apoio aos pequenos e medianos Concellos, salvagardando sempre o principio de autonomía local.
O voceira dos populares na institución provincial lucense, Elena Candia, considera “esencial” o papel das deputacións para os pequenos e medianos concellos, de prestación de servizos de primeira necesidade que “non poderían proporcionar moitos concellos por si sos”.
Así, destacou a “importancia” que a Deputación ten na provincia de Lugo na que a maioría dos concellos contan con menos de 10.000 habitantes, “sempre e cando”, matizou, “estas institucións sexan gobernadas de maneira correcta, transparente e eficaz”.
Polo tanto, Candia esgrime que o presente inmediato das deputacións non pasa pola súa eliminación, senón por acadar, impulsando as reformas que se consideren precisas, xunto cos concellos, unhas administracións modernas e eficaces ao servizo dos cidadáns, nas que non se solapen competencias, e que conten co mesmo nivel de calidade e autosuficiencia das demais administracións do Estado.
Os populares rexistraron esta iniciativa unha vez coñecido o acordo entre o PSOE e Ciudadanos, que pasaría pola supresión das deputacións provinciais xa que, considera Candia, “non deben desaparecer, senón reforzalas para facelas máis modernas, eficaces e transparentes”, conclúe.