Santiago, 17 de marzo de 2016.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, lembrou na tarde deste xoves na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento, que foi o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, o primeiro en solicitar á Xunta unha oferta coa que poder competir co porto de Xixón, en Asturias. Tamén afirmou que foi este mesmo rexedor quen “anunciou incluso unha rebaixa económica nas taxas do porto para manter o tráfico que xera Ence”.
José Juan Durán lembroulle á deputada nacionalista que preguntou polo tema, que o convenio subscrito entre Portos e Ence evitou que se perdesen os tráficos de pasta de papel no porto de Mirasol, en Ribadeo, e que se levasen a cabo no porto de Xixón, en Asturias, “dando resposta a unha demanda xeneralizada da sociedade mariñá”, dixo.
Neste sentido, o presidente de Portos incidiu en que a perda destes tráficos “tería un impacto na economía e na renda da vila”, xa que é a súa principal actividade económica, polo que esta colaboración permite manter unha estrutura de movemento portuario moi importante. Esta colaboración, dixo Durán, foi impulsada por Portos de Galicia ante as intencións de Ence de “deslocalizar este tráfico no porto de Ribadeo para levalo ao porto de Xixón”, que estaba a realizar accións competitivas para captar os tráficos da empresa pasteira.
Así, o presidente de Portos lembrou que, diante da posibilidade de perder estes tráficos, Portos asinou este convenio cumprindo escrupulosamente co establecido na Lei de Taxas da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta normativa establece a posibilidade de aplicar bonificacións da tarifa de mercadorías (tarifa X-3) a aqueles tráficos que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios, estratéxicos e relevantes.