Lugo, 29 de abril de 2016.- A Xunta, a través de Turismo de Galicia e en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo de España, organiza na provincia de Lugo 20 accións formativas en materia de atención ao cliente destinadas a profesionais do sector turístico que se enmarcan dentro do proxecto estatal Anfitrións-Cultura do Detalle.
Tal e como informou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, esta iniciativa formativa está deseñada co obxectivo de dotar aos traballadores e empresarios do ámbito turístico de coñecementos e técnicas que lles permitan mellorar a execución e a xestión da atención ao cliente nos seus negocios. Poñendo énfase naqueles que están a traballar nas proximidades do Camiño e máis especificamente no Primitivo.
“A nosa provincia –dixo Arias- é a única de Galicia na que se desenvolverán este tipo de cursos, e impartiranse en Lugo e Mondoñedo. En consecuencia, representan unha oportunidade única para que o sector se forme no desenvolvemento do turismo de calidade e para contribuír a posicionar as localidades lucenses no mapa español de destinos de primeiro nivel”.
O proxecto Anfitrións-Cultura do Detalle pertence ao Plan de Turismo Español Horizonte 2020 que ten como obxectivo diferenciar e potenciar a personalidade e o posicionamento do noso país como destino turístico de primeira orde.
A oferta formativa contempla vinte cursos independentes, de catro horas de duración cada un, orientados aos distintos perfiles profesionais existentes no sector do turismo. Haberá 30 prazas por curso que se concederán seguindo a orde de recepción de formularios aos interesados que reúnan os requisitos de admisión. Impartiranse a vindeira semana, de luns a venres, no Arquivo Histórico Provincial no caso de Lugo; e en Mondoñedo, na Oficina Agraria Comarcal, do 23 aos 25 de maio.
A formación, segundo salienta a delegada territorial, “é un piar fundamental no desenvolvemento dun sector tan variable como o turístico, que cada día se actualiza e redimensiona”. Por esas circunstancias, recalca, “dende a Xunta apostamos por un tecido empresarial formado e competitivo e nese contexto enmárcanse as numerosas iniciativas a prol da formación e o asesoramento que dende Turismo de Galicia se están a programar”.
Os interesados en participar poderán remitir un correo a areacalidad@minetur.es , poñendo no asunto “Preinscripción Cursos Anfitriones – Cultura del Detalle Galicia”, ou chamar ao teléfono 606 412 521.
Raquel Arias tamén recordou que o vindeiro día 11 de maio celebrarse en Sarria a segundo xornada formativa que organiza a Escola de Turismo Itinerante para propietarios e persoal de albergues públicos e privados e de aloxamentos turísticos situados nas rutas Xacobeas, dentro dun programa de profesionalización no Camiño de Santiago.
Contará con dúas accións formativas. A primeira, ás 9.00 horas, sobre atención, información e servizo ao peregrino en aloxamentos do Camiño, e a segunda -dende as 11.00 horas- sobre “A propina do peregrino nas redes sociais”, ou como coñecer o impacto dun bo ou mal servizo en internet e xestionar os comentarios que deixan os peregrinos nas redes.
O curso, como o xa celebrado o pasado día 13, desenvolverase no albergue A casa de Carmen, e os interesados poden inscribirse a través da web do Centro Superior de Hostalería de Galicia (cshg.es) ou chamando ao teléfono 981 542 592.