Foz, 28 de abril de 2016.- A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz celebrará a súa cena anual o vindeiro 7 de maio. Servirá para conmemorar o 28 aniversario da creación da Acia e para proceder á entrega dos premios aos gañadores da XIII Ruta das Tapas, que tivo lugar a pasada semana santa. O evento desenvolverase no Tangarte Mariñeiro a partir das 22:30 horas. As tarxetas atópanse xa á venda nas oficinas de Acia/CCA de Foz, no Tangarte Mariñeiro, en pastelería Anduriña e tamén en Electricidad Núñez. Segundo explica o presidente do colectivo, José Carlos Paleo, “trátase dunha cea aberta a socios, colaboradores e amigos. Será un bo momento para compartir sensacións e para disfrutar todos xuntos”. O prazo para retirar as tarxetas remata o 5 de maio.
Céntimo solidario
Céntimo solidario, así se denomina a campaña que levará a cabo o Centro Comercial Aberto de Foz desde este venres, 29 de abril, e ata o 8 de maio para a recollida de donativos destinados á Delegación Local da Asociación Española de Loita contra o Cancro.
En total son 70 os establecementos comerciais e hostaleiros que participarán no Céntimo solidario. Paleo considera que “a solidariedade sempre é necesaria, e si falamos de saúde aínda máis”.
O presidente de Acia/CCA de Foz lembra que “xa o ano pasado a nosa asociación patrocinou a edición do CD Foz, Onte e hoxe, con fins solidarios para Cáritas e a Protectora de Animais e nesta liña de colaboración seguiremos con outras iniciativas que nos poidan chegar no futuro”.