Cervo, 9 de abril de 2016. BNG – AA en Cervo reclama ao goberno municipal, amparándose nos Arts. 9, 199, 200 e 201 da Lei 9/2002, de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e as súas posteriores modificacións, a apertura de expedientes urbanísticos para un edificio construído a finais do século XX na Rúa do Faro de San Cibrao, nunha habitado, polo lamentábel estado de conservación que mesmo obrigou ao concello a colocar valados para evitar posíbeis danos a viandantes e vehículos. Na mesma situación de abandono está o denominado “Observatorio Natural de Fauna Mariña en Punta Atalaia” promovido polo propio concello en 2005 que nunca chegou a ter a funcionalidade para a que foi promovido.
Dúas edificacións ademais de antiestéticas, un perigo público polo lamentábel estado de conservación
O portavoz municipal nacionalista Luís Bernardo Insua, afirmou que “ambas edificacións ademais de ser antiestéticas, son un atentado contra a racionalidade no uso do solo, son un auténtico perigo público polo seu lamentábel estado de conservación”.
Bernardo insua anunciou a presentación de sendas solicitudes reclamando do goberno municipal “a apertura de expedientes urbanísticos existente sobre funcionalidade, seguridade, salubridade, e ornato público para estas edificacións aplicando as competencias municipais incluídas nos Arts. 9, 199, 200 e 201 da Lei 9/2002, de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, e as súas posteriores modificacións”.
O goberno municipal debe facer cumprir a lexislación vixente, tanto no privado coma no público especialmente
Para o BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo, “é unha irresponsabilidade por parte do goberno local manter estas edificacións no seu estado case de ruína”, “non cumpren as funcións para as que foron construídas, nun caso vivendas, e noutro especialmente grave por ser promovida polo propio concello, supostas funcións naturalistas que nunca existiron polas que ademais o concello paga unha taxa á Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao polo uso dos terreos da súa competencia por “explotación do edificio con destino a área expositiva”, unha actividade que na realidade non se realiza.
Si a situación non se corrixe, a lexislación permite a súa demolición
O BNG quere ser claro nas súas posicións, no caso de que o goberno municipal non exerza as competencias que lle corresponden, exercerá as accións que considere oportunas, e avanza que de non corrixirse a situación sobre falta de funcionalidade, seguridade, salubridade, e ornato público coa lexislación na man, apoiará de chegarse o caso a súa demolición.