Mondoñedo, 28 de abril de 2016.- O Concello de Mondoñedo ofrece asesoramento de balde aos veciños e veciñas sobre o procedemento de regularización catastral a desenvolver entre os anos 2013 e 2016, para a incorporación ao Catastro Inmobiliario dos bens inmobles non rexistrados e a súa valoración respecto do Imposto sobre Bens Inmobles.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que os veciños están a recibir as cartas relativas a este procedemento, solicitadas polo anterior goberno bipartito do Concello, polo que “consideramos necesario que os afectados podan dispoñer de toda a información, resolver calquera dúbida, a maiores de ter tamén asesoramento no relativo á presentación das alegacións que estimen oportunas”.
O Concello tamén informa de que a regularización da descrición dos bens inmobles está suxeita a unha taxa, cuxa contía é de 60 euros por cada un dos inmobles obxecto de regularización. Nese senso, Candia anuncia o seu compromiso de que o Goberno local adoptará as medidas legais ao efecto para que “o pago das liquidacións correspondentes sexan o menos gravosas posibles”. Para iso, dende o Concello habilitarán o fraccionamento nos pagos das liquidacións que se xeren por atrasos e tamén están a estudar bonificacións temporais ou incluso de rebaixa do tipo impositivo, medidas que serán presentadas no vindeiro pleno que celebre a Corporación.