Burela, 16 de abril de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén regresa de terras catalás con tres puntos máis, sen fallo no seu propósito de loitar por todo. As pupilas de Lucas remaron contra a rápida iniciativa no marcador das locais, souberon recompoñerse nuns primeiros minutos moi rifados no marcador para apropiarse da cita con 2-4 xa ao descanso.
As mariñás viviron uns compases iniciais ás que non están afeitas. Ao temperán gol por arriba de Berta, desde saque de córner (minuto 3), cunha defensa laranxa que saíu tarde, o Burela FS respondeu cun contraataque de Dany no minuto 5, que culminou Gaby, soa, ao segundo pau. Volveron adiantarse as locais, con Stela ao bordo de área (minuto 9), pero non deixaron as da Mariña que o festexasen moito; no 10, Peque igualou de novo a contenda, asistida por Dany. Nese momento as de Lucas decidiron apropiarse do electrónico e do xogo, ampliando distancias Dany, de disparo afastado, no minuto 12 e Bea Mateos, finalizando unha contra de Peque, na recta final.
Na segunda parte o Burela FS Pescados Rubén non quixo deixar opción ao rival e seguiu buscando ampliar distancias. No minuto 28 anotou o 2-5; recolleu en zona de pivote, virouse e perforou a rede. As catalás tentaron a remontada con porteira xogadora no últimos cinco minutos, ante unha atenta defensa burelista. Na recta final Peque atopou o 2-6 tras unha fulgurante xogada individual en galopada. O definitivo 3-6 chegou nos últimos segundos, tras un rexeite de Andrea co Gironella de cinco.
Ficha técnica
Gironella FS: Noelia, Stela, Zoe, Celia, Berta (quinteto inicial). Tamén xogaron Pilar, Cristina, Helena, Julia, Laura, Alba
CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea, Dany, Peque, Ceci, Bea Mateos (quinteto inicial). Tamén xogaron Gaby, Claudia
Goles: 1-0, min. 3 Berta Velasco; 1-1, min. 5 Gaby; 2-1, min. 9 Stela; 2-2, min. 10 Peque; 2-3, min. 12 Dany; 2-4, min. 20 Bea Mateos; 2-5, min. 28 Dany; 2-6, min. 38 Peque; 3-6, min. 39 Celia
Árbitros: Jordi Olivé e Juan Ona, do colexio catalán. Amoestaron con cartolina amarela a Bea Mateos (minuto 32) no Burela FS Pescados Rubén.
Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada de Primeira División RFEF, disputado no pavillón municipal de Gironella