A primeira visita de Alberto Núñez Feijoó a Viveiro como Presidente da Xunta de Galicia tivo lugar no ano 2011, cando asistiu á inauguración do Parque Empresarial de Viveiro. Dende aquel momento, regresou unicamente nun par de ocasións, sempre en campaña electoral e en exercicio do cargo que ocupa dentro do seu partido. Nestas últimas visitas realizou algunhas afirmacións que consideramos desafortunadas pola falta de respecto que conlevan ou pola falta á verdade e estoume a referir, por exemplo, ao feito de afirmar que “non quería no concello floreros municipais”; ao acontecido durante a última campaña para as eleccións municipais cando, sen anunciar ningunha inversión para Viveiro, informou da próxima construción dunha piscifactoría en San Cibrao; ou ás declaracións realizadas na visita do pasado luns asegurando que a falta de circunvalación en Viveiro é culpa do goberno local.
Aínda que non teño por costume responder publicamente para amosar a miña discrepancia con respecto ás declaracións ou afirmacións que outros realizan na prensa sobre a xestión deste equipo de goberno, hai ocasións nas que a falsidade e a intención de confundir á veciñanza obrigan a dar explicacións. Considero que este é un deses casos e ante a afirmación realizada polo Presidente do Goberno o pasado luns, durante a súa visita a Viveiro, acusando ao goberno local de paralizar a circunvalación neste municipio, vexo necesario narrar os trámites realizados no Concello de Viveiro con respecto á Vía de Alta Capacidade (VAC):
En 2006, a Xunta de Galicia (cun goberno bipartito PSOE-BNG) aprobou o trazado da VAC ao seu paso por Viveiro. Este trazado, que fora consensuado, contaba coa aceptación do goberno local, a aprobación do pleno e dos veciños de Viveiro e era froito dun intenso traballo por parte do goberno local no que se atenderon as demandas veciñais, se procuraron informes técnicos, etc.
De xeito inesperado e sen ningún tipo de comunicación previa, o 5 de agosto de 2010 chegou ao concello, para a súa exposición pública, un novo proxecto (documento complementario para información pública da Vía de Alta Capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito: enlace centro de Viveiro LU/00/063.01.3.0), que recollía un novo trazado, contrario ao consensuado e no que contemplaba a existencia dun enlace con Viveiro en Magazos (que non existía no anterior).
A partir deste momento, tanto os veciños da parroquia de Magazos, principais afectados por este trazado, como o goberno local iniciaron unha serie de trámites co fin de reclamar que se respectase o trazado aprobado polo goberno bipartito da Xunta de Galicia, considerando que o novo trazado incumpría cos criterios establecidos no anterior.
Nas numerosas accións contra este novo trazado (presentación de alegacións, adopción de acordos plenarios, consecución de colaboración e apoio da Deputación de Lugo ou interposición de recurso contencioso-administrativo), o goberno local sempre deixou claras cáles son as razóns polas que se opón a este novo proxecto imposto e sen consenso.
Entre as alegacións presentadas xa se facía constar que o trazado se variara sen que a Xunta pedira ao concello o informe necesario, o que determinaría a súa nulidade de pleno dereito; que non se compararon as ventaxas nin inconvintes entre o seu trazado e o aprobado anteriormente, en 2006, co consenso de todos e sen ningún tipo de alegación; que este novo trazado suporía cortar as comunicacións interiores de Magazos; que afecta a máis inmobles que o anterior; que aumenta o seu prexuízo medio ambiental e que non achega ningunha ventaxa dende o punto de vista do tráfico, entre outras.
Nesta mesma liña, en febreiro de 2014, igual que os veciños de Magazos, o concello interpuxo recurso contencioso-administrativo contra a aprobación do trazado da VAC, treito centro de Viveiro na parroquia de Magazos. Este recurso foi desestimado o pasado mes de marzo e o goberno local xa encomendou aos servizos xurídicos da Deputación de Lugo a interposición do recurso de casación correspondente.
Agardo que esta relación de feitos sirva para demostrar que o único responsable da inexistencia da variante é o goberno popular da Xunta de Galicia, quen, de xeito unilateral e desatendendo o consenso existente, impuxo un trazado que supón un empeoramento das condicións para o Concello de Viveiro, e ante esta circunstancia os gobernos locais, tanto o do Melchor Roel coma o actual, só están a exercer a súa obriga de defender os intereses dos veciños levando a cabo as accións necesarias para reclamar que se manteña o trazado aprobado inicialmente, o único sobre o que existía o consenso de todas as partes implicadas.
O goberno local considera que a existencia dunha vía de alta capacidade vertebradora que conecte Viveiro co resto de Galicia e do estado español é fundamental para garantir o futuro deste municipio, sobre todo nuns tempos caracterizados por unha profunda crise económica na que a competitividade entre as empresas é cada vez maior, uns tempos nos que o Concello de Viveiro, como cabeceira de comarca, non pode permitirse a inexistencia de vías de capacidade alta.
O goberno local é o máximo interesado de dotar ao municipio dunha vía de alta capacidade, pero por responsabilidade, por consenso e por atender ás demandas veciñais, considera que debe seguir defendendo os intereses do pobo e o único que sempre se lle pediu á Xunta de Galicia, tanto por parte da maioría dos membros da corporación como por parte dos veciños de Viveiro é que se respecte a trazado inicial.
María Loureiro
Alcadesa do Concello de Viveiro






















“O concerto queda posposto para outro domingo no que Toxo Guayaba nos poida acompañar. Iremos informando”, explican desde a organización.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.



