Burela, 19 de maio de 2016.- A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Burela impartirá 3 novos cursos nos vindeiros días.
O vindeiro martes, 24 de maio, iniciarase o curso Uso das redes sociais: Facebook, dirixido a persoas con coñecementos básicos en internet. Neste curso amosarase a manexar o Facebook para así poder compartir todo tipo de información con outras persoas. O curso contará cunha duración de 12 horas, e terá lugar de luns a venres de 10:30 a 12:00 e rematará o día 2 de xuño.
O segundo curso dará comezo o 25 de maio. Será o de Mecanografía para adultos, que contará cunha duración de 12 horas. Neste curso amosarase a correcta posición das mans á hora de escribir nun computador. Os asistentes realizarán diferentes exercicios, que consistirán na repetición dunha serie de letras para adquirir certa axilidade. Empregarase un programa libre para esta fin. Esta actividade comezará o mércores, 25 de maio, e rematará o 8 de xuño. As clases desenvolveranse de luns a xoves de 18:30 a 20:00 horas.
Por último o xoves, 26 de maio, dará comezo un curso de repaso de Iniciación á informática. Nesta cita repasaranse os conceptos básicos do manexo dun computador, tales como crear carpetas e documentos, copiar, cortar, pegar, etc… Esta actividade impartirase de luns a xoves de 16:00 a 17:30 horas, contará cunha duración de 6 horas e finalizará o 1 de xuño.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades as persoas interesadas poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sito Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo S/N, a través da páxina web https://cemit.xunta.gal/ ou enviando un correo á dirección: cemit.burela@xunta.gal