Burela, a 4 de maio de 2016.- Como vén sendo habitual en tempo de eleccións, acabamos de asistir a enésima posta en escea do que poderiamos denominar “a obra por excelencia” das campañas electorais do PP na Mariña. Semella difícil atopar unha farsa mais teatralizada que a da “Traxicomedia do H. da Costa e o PP”. Tráxico polo abandono que padecendo os mariñáns e mariñás dende a chegada de Feijoó, que alá polo 2009 e dende a festa da faba de Lourenzá, prometía a inminente ampliación do Hospital da Costa, a primeira de moitas promesas incumpridas.
Logo viría o plan funcional, o anuncio de licitación do plan director, a adxudicación deste, o concurso da elaboración do proxecto, a adxudicación do mesmo e o duplo de anuncios a outras tantas comunicacións en prensa e mais anuncios e visitas fulgurantes para por fin inaugurar …….. unha maqueta. A comedia chega esta semana cando o luns, día 01 de maio, preséntanse varios conselleiros, delegada do goberno, alcaldes e demais políticos para inaugurar a bombo e platillo o estudo xeotécnico ………..do parking.
Despois de inaugurada a maqueta na que todos os espazos que agora se utilizan para aparcar os vehículos se converten en xardíns-, son moitos os mariñáns que, ao igual que CIG-Saúde, sabedores do gran interese do PP por construír aparcadoiros de xestión privada nos Hospitais (HULA, Álvaro Cunqueiro) pregúntanse cal será a empresa que vai xestionar o aparcadoiro e cal vai ser o custo que imos ter que pagar os usuarios.
A realidade para a CIG-Saúde é que a día de hoxe, o que temos, son 7 anos de tempo perdido pola inoperancia e desidia dos dirixentes do PP, e un Hospital empequenecido desbordado de pacientes, sen camas libres e cunha saturación que obriga a ingresar adultos na planta pediátrica por falla de camas.
A conclusión para os dirixentes do PP e evidente: temos unha campaña electoral, temos un obxectivo publicitario, non temos vergoña e por tanto, queda inaugurado este estudo da composición do chan. Que non temos camas libres?, a quen lle importa iso?, mellor o calamos que estamos en campaña electoral.