A Mariña, 6 de maio de 2016.- Este venres tivo lugar a reunión de constitución da Comisión Organizadora do Congreso Comarcal do Partido Popular da Mariña lucense que perfilou as liñas mestras desta cita que terá lugar o vindeiro domingo 15 de maio, a partir das 11:00 horas, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
O comité de organización está presidido polo cervense Antonio Basanta, acompañado de Belinda Bermúdez (Viveiro), Maite López Rego (Foz), Alba Rodil (Ribadeo), Rubén Méndez (Lourenzá) e Aitor López (Burela) que se encargarán dos preparativos desta cita congresual na que, por primeira vez, os afiliados poderán elixir –co seu voto directo– ao novo Coordinador Comarcal e a súa Executiva.
Horario do Congreso
Entre os asuntos obxecto de análise nesta primeira xuntanza están, ademais doutros de intendencia, a aprobación do seu horario: Desde as 10:30 horas do domingo 15 de maio afiliados e simpatizantes do PP da Mariña lucense poderán acreditarse para participar nun Congreso que comezará ás 11:00 horas co saúda do presidente anfitrión, Antonio Bouza e despois a lectura de dous manifestos centrados en aspectos relevantes do presente e futuro da Mariña.
Ás 11:35 horas presentarase a Candidatura ao novo Comité Executivo, encabezada polo futuro/a coordiandor comarcal e despois, ás 12:00 horas, terán lugar as votacións e o posterior escrutinio. Finalmente, desde as 12:30 horas procederase aos discursos de peche do Congreso.
Desde o Comité Organizador do Congreso fan un chamamento á participación dos simpatizantes do PP da Mariña ante unha cita transcendental que busca facer un partido máis pegado ao territorio e no que os afiliados gañen protagonismo.