25 de maio de 2016.- Fronte á consideración do noso conselleiro de Educación e o noso presidente Feijoo, as familias temos formación, información e capacidade crítica para conformar un criterio propio para a toma de decisións sobre os temas que nos incumben, como parte da sociedade que somos nun sistema democrático.
As familias exerceron o seu dereito de protestar ante unhas probas que considera innecesarias, porque a avaliación realízaa o profesorado no seu traballo diario na aula. O diagnóstico hai tempo que está feito: temos demasiado fracaso e abandono escolar na secundaria, e iso non se resolve con exames nin clasificando ao alumnado e os centros, senón baixando o número de alumnado/aula para mellorar a atención educativa; con medidas de apoio, atendendo ás solicitudes de recursos humanos de profesorado especialista que se fan desde os servizos de orientación; con recursos materiais que facilitan os procesos de aprendizaxe…todo isto que a Administración educativa denega sistematicamente por basearse unicamente en criterios económicos e de eficiencia, pero que agora organiza unhas probas de millón e medio de euros para, segundo eles, diagnosticar problemas. Segundo nós, para algo que xa está diagnosticado e que o que necesita é tratamento e solucións.
Desde FAPACEL, ANPAS GALEGAS e a PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO seguiremos pedindo unha lei educativa de consenso, inclusiva, e que non deixe polo camiño a ninguén.