Foz, 4 de maio de 2016.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, traballa para consensuar con todos os grupos políticos os orzamentos municipais para este ano, que poderían presentarse para a súa aprobación no vindeiro pleno da corporación.
O rexedor municipal explicou este mércores que “onte tivemos unha reunión importante de portavoces no Concello para abordar un tema necesario como son os orzamentos do ano 2016. Xa é a segunda xuntanza para este tema pois hai quince días o equipo de goberno presentou un borrador, no que se analizaba a posibilidade de incrementar os ingresos con respecto ao ano pasado. Con eses ingresos fixemos unha valoración dos gastos correntes e da situación de outros gastos necesarios para todo este ano. Cos sobrantes faremos suxestións compartidas por todos os grupos”.
Javier Castiñeira subliña que “onte recibimos esas propostas por parte de todos os grupos. É certo que a única proposta formal e rexistrada foi a do BNG, pero tanto Plataforma como PSOE fixeron propostas pero sen estar rexistradas. Toda esa serie de propostas recolleranse e elaborarase un borrador novamente tratando de incluílas. O Partido Popular está disposto a sacrificar parte do seu programa e das súas propostas para compartir coa oposición esa posibilidade de investimentos”.
Castiñeira manifesta que “o BNG que presentou unha proposta formal e abre a posibilidade de usar o remanente que queda do ano 2015. É de cerca dun millón de euros, que van poder usarse, pois o que nos di a lei é que o uso dese remanente primeiro será para a débeda bancaria, pero Foz non ten débeda bancaria; o seguinte uso será para pagar facturas pendentes do ano 2015; e o resto será para obras importantes. Unha delas, que propón o BNG, pode ser a primeira fase do arranxo do Pavillón Polideportivo Municipal. Outras moitas, do resto dos grupos, tamén se poden recoller e executar con ese remanente”.
O alcalde focense concluíu manifestando que “hai boa vontade e creo que en liñas xerais as peticións son correctas. O clima foi bastante positivo e eu creo que no próximo pleno da corporación é probable que se poida levar o debate dos orzamentos municipais. Agora que temos ao interventor a tempo total imos intentar traballar ao máximo durante todos estes días na valoración dos orzamentos e neste borrador consensuado por todos os grupos”.