Santiago de Compostela, 18 de maio de 2016.- O parlamentario do BNG, Daniel Rodas preguntou este mércores ao Goberno polos criterios para o reparto da cota de xurelo condonada e se este modelo contribúe a mellorar as cotas de quen menos ten así como se é razoable que haxa barcos que teñan unha cota de 300.000 quilos mentres outros teñen unicamente 30.000 quilos. “Un modelo de reparto que beneficia cada vez, en maior medida, aos que máis pescaron”.
Rodas explicou que a partir do ano 2014, o Estado español modificou o modelo de dereitos de pesca das especies peláxicas pasando, no caso do xurelo, dun criterio universal de 6.000 Quilos por embarcación e día a outro onde os supostos dereitos históricos levan o 70% do reparto. Este cambio, dixo, “non foi admitido pola maioría da flota do cerco galego” que respondeu con mobilizacións nos últimos anos e mesmo acampando en San Caetano, “reclamando un reparto xusto”.
O deputado lembrou que a Secretaría xeral comprometerase a dous anos de duración deste modelo, compromiso que non cumpriu e que os propios cerqueiros na reunión do mes de xaneiro co Magrama comprobaron que unha vez máis “foran enganados”. O Magrama transmitiu aos cerqueiros que ninguén cuestionaba o reparto pero esquecíase, recalcou o nacionalista, de “Galiza e Asturias”. Por outro lado o Magrama tamén manifestou que o Goberno central estaba en función e unha decisión “desa envergadura” era responsabilidade do goberno entrante. O parlamentario criticou o argumento do goberno en funcións cando esta circunstancia, remarcou, non lle impediu a Rajoy “prorrogar ENCE por 60 anos máis”.
Na devandita reunión, engadiu, “non se modificou nada” e continuaron cun modelo que mentres uns, “non tiveron cota en non puideron pescala” a outros sobroulles como no caso da xarda ou o xurelo. No caso do xurelo admitiuse condonar a sobrepesca que realizou o ACERGA no 2015, por falta de cota, e que foi de 1.500 TN a repartir entre os que menos teñen.
Despois de varias reunións coa consellería do Mar, utilizáronse da “cota condonada” 419 TN para unha cota mínima ás embarcacións con menos cota pero o resto, 1.088 TN serían repartidas segundo o modelo imperante, é dicir, “o 70% dereitos históricos, 30% criterios socioeconómicos”.
Para o deputado, o reparto “é indignante” pois un poucos chegan a acumular 300.000 quilos e outros quedan con 30.000 quilos de xurelo o que evidencia, “a falta de compromiso por unificar o sector” e defender un modelo que garanta o mantemento da actividade e o emprego.
Pola súa parte, o director xeral de Pesca, Juan Carlos Maneiro Cadillo respondeu ao deputado do BNG que o sector aceptou os criterios de reparto ao que o deputado replicou que “unha vez máis a Xunta aboca ao sector ao despezamento por non xestionar de maneira dilixente as negociacións” e coa súa actuación, sigue dividindo ao sector. Dende o BNG, apostilou Rodas, “non compartimos os seus criterios no reparto das cotas”.