10 de maio de 2016.- O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentaron na mañá deste martes o web ‘Manuel María Xornalista‘, elaborado polo Colexio en colaboración coa Secretaría e coa Casa-Museo Manuel María. A súa realización foi encargada polo CPXG ao xornalista e colexiado Antón Lopo. Ao acto acudiu tamén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
García Gómez destacou o valor do novo web para mostrar un Manuel María completamente dono da palabra, “da palabra non só poética, non só literaria, senón da palabra no máis amplo dos sentidos”. Polo que se refire a Manuel María, incidiu en que o seu amor profundo pola lingua galega tamén se viu na súa práctica periodística, pois “escribiu en galego sempre que as circunstancias llo permitiron: en democracia e durante o franquismo, cando publicaba fóra de España”.
Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, tivo un especial recordo para Manuel María. “Na librería que rexentaban el e Saleta en Monforte adquirín os primeiros libros en galego”, sinalou. Sobre o web, Pereiro dixo que “pretendemos que manuelmaria.xornalistas.gal sexa tanto un escaparate do Manuel como unha ferramenta para os periodistas. Por un lado, un feixe de recursos documentais, escritos e gráficos, máis amplo que unha nota ou un resumo de axencia, do que botar man á hora de facer unha información sobre a súa persoa e obra. Hai datos que aporta Antón Lopo, non moi sabidos, como que foi dar a Monforte e foi procurador e non a Vigo e ser xornalista, porque tería que sacar o carné do Movimiento. Por outro lado, unha especie de axenda de construción diaria dos actos que se fan na súa homenaxe”.
Utilidades de manuelmaria.xornalistas.gal
O web ‘Manuel María xornalista’ recolle unha parte dos artigos do autor da Terra Chá e ofrece unha visión global da súa biografía, con especial atención á súa vida como xornalista. Esta visión compleméntase cunha galería de imaxes recollida do arquivo da Casa-Museo Manuel María, cunha lista dos webs máis salientables relacionados co escritor e cun espazo dedicado á actualidade relacionada coa súa escolla como autor das Letras neste 2016.
Especial importancia ten a sección “Unidade didáctica”, creada especialmente para os escolares, co obxectivo de que valoren e singularicen a actividade xornalística de Manuel María no conxunto da súa obra e mais de que se familiaricen cos xéneros xornalísticos e coa organización dun periódico.
O web conta tamén coa sección “Xornalismo nas letras”, que se ocupa dos homenaxeados no Día das Letras Galegas que tiveron unha relación estreita co mundo do xornalismo.
Manuel María xornalista
O web que se presentou este martes pon o foco nunha faceta diferente do autor que será homenaxeado o próximo 17 de maio. A súa vocación de xornalista levou a Manuel María a escribir en prensa ao longo de 55 anos, combinando este labor con traballos na radio. Os seus artigos non só apareceron na maioría das cabeceiras galegas (El Progreso, El Pueblo Gallego, La Noche, La Región, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego ou Vida Gallega), senón tamén nas españolas (ABC) e en numerosas publicacións americanas. A súa relación coa prensa escrita foi especialmente intensa a partir dos anos setenta, en que se funda A Nosa Terra, onde colaborou de 1977 a 1988. A maior parte dos seus artigos concéntranse neste semanario e mais no xornal El Correo Gallego, ao que estivo vinculado dende 1989 ata o mesmo día da súa morte.
Esta web foi encargada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao xornalista e colexiado Antón Lopo. Como periodista, Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), dirixiu os suplementos Revista das Letras (1991-2011) e Chineses, ademais de coordinar as seccións de cultura dos xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe, traballos polos que recibiu o Premio Galicia de Comunicación, a da Irmandade do Libro á difusión cultural e o da Asociación de Escritores á traxectoria profesional. Actualmente colabora co suplemento Faro das Letras de Faro de Vigo e co semanario Sermos Galiza (‘Extintintivos’), polas que este ano recibiu o premio Xohán Carballeira de Periodismo. Como poeta escribiu Sucios e desexados, libro ao que seguiron, entre outros, Manual de masoquistas (1991), Om (1997), Pronomes (1998), Fálame (2004) ou Libro dos amados (2005). Nos útimos anos, indagou na oralidade e na poesía física con ‘Prestidixitador’ (Teatro Galan, Compostela, 2001), ‘Accións’ (Galería Trinta, Compostela, 2003), ‘Dentro’ (Casa da Parra, Compostela, 2005) e ‘Lampíricos’ (Galeria Dispara, A Estrada, 2013). Na novela, publicou As reliquias (1991), Ganga (2001) ou Obediencia (2010), premio Garcia Barros. También cultivou o ensaio, a tradución (Óscar Wilde, Rimbaud, Vikram Seth…) e a biografía, xénero ao que lle dedicou a fotobiografía de Bouza Brey (así como o documental O faro que perdeu a gracia da luz) ou as propostas noveladas As tres mortes de Lorenzo Varela, A distancia do lobo de Uxío Novoneyra e A palabra exacta de Lois Pereiro. A peza dramática ‘Os homes só contan até tres’ valeulle o Premio Cunqueiro de teatro, ámbito ao que lle dedicou un amplo espazo na súa obra.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



