Lugo, 26 de maio de 2016.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe en Mondoñedo nunha das accións formativas destinadas a profesionais do turismo en contacto co cliente que se están a impartir dentro do proxecto estatal Anfitrións-Cultura do Detalle, impulsado por Turismo de Galicia en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo de España.
Arias subliñou que “estes cursos teñen o obxectivo de dotar aos traballadores e empresarios do turismo da comarca da Mariña de coñecementos actualizados que lles permitan mellorar a atención ao cliente que ofrecen nos seus establecementos e, polo tanto, incrementar o nivel de calidade dos negocios”.
Neste senso, a delegada fixo fincapé no papel destacado que xogan os axentes turísticos na aposta pola excelencia e sinalou que “son os profesionais do turismo da Mariña os que deben tomar a iniciativa e diferenciarse a través dun servizo de calidade ao cliente que, coa axuda das administracións, permita posicionar a comarca no catálogo de destinos de primeiro nivel”.
Arias tamén gabou o traballo feito ata o de agora polas empresas turísticas da zona e indicou que precisamente esta semana se deron a coñecer os establecementos galegos que obtiveron ou renovaron a Q de Calidade Turística durante o 2015.
Segundo dixo, “A Mariña foi recoñecida con seis selos de calidade, dun total de 14 recoñecementos obtidos a nivel provincial, o que vén a demostrar a boa posición na que se atopa o sector do turismo na comarca, que xa suma un total de 18 Qs de Calidade”. A nivel provincial, son 44 os establecementos, empresas e paraxes naturais que están actualmente en posesión desta distinción.
A tendencia positiva tamén a reflicten os últimos datos de ocupación hoteleira. Así, tal e como informou a delegada da Xunta, “foron máis de 26.400 os viaxeiros aloxados nos establecementos mariñáns no primeiro cuadrimestre deste ano, case un 4% máis dos que o fixeron no mesmo período do 2015, superándose ás 43.500 pernoctacións hoteleiras na comarca, o que supón un incremento do 6,1% respecto ás rexistradas polas mesmas datas hai un ano”.
O turismo nacional representou neste período o 90% do total da demanda da Mariña, subindo un 4% respecto ao anterior exercicio, e os datos de viaxeiros procedentes do estranxeiro melloraron de maneira significativa, incrementándose en case o 30%.
Arias animou aos profesionais do turismo a seguir formándose e a reciclar os seus coñecementos para non perder de vista as novas tendencias do mercado, á vez que aproveitan de maneira eficiente os recursos turísticos da Mariña, entre eles o Camiño do Norte ao seu paso polos concellos da zona, que o ano pasado foi percorrido por preto de 16.000 peregrinos, ou as 24 bandeiras azuis que suman as praias e portos deportivos da comarca.