Burela, 13 de maio de 2016.- A liga de Primeira RFEF retómase este domingo en Vista Alegre engalanado de liderado laranxa. Ao Burela FS Pescados Rubén quédanlle catro partidos para defender o cume do podio; o primeiro obstáculo que terá que salvar será a visita do Jimbee Roldán FSF (12.30 horas), sétimo (38 puntos). “Estamos moi concienciadas de responder nos partidos que nos quedan” advertía Jozi, que regresou como titular baixo os paus en Navalcarnero tras “unha recuperación excelente e sen ningunha molestia” da súa fractura no brazo.
“O descanso polos compromisos de España en Moscova veunos moi ben para baixar a adrenalina. Gañar en Navalcarnero foi un subidón e tivemos uns días para dixerilo e volver centrarnos na liga. Esta semana xa adestramos con normalidade” falaba así a porteira da éxtase vivida na xornada anterior ao empoleirarse á primeira praza da clasificación.
“No partido de Roldán non estivemos ben; iso debe servirnos para aprender e de aviso para non relaxarnos” incidía así Jozi sobre o empate 3-3 na primeira volta. “Roldán é un equipo peleón, con calidade; vén sen nada que perder e coa motivación de gañar ao líder” adiantaba a meta os detalles da cita.
Vista Alegre será máis importante que nunca nesta recta final. “Esperamos a afección como sempre; estivo durante toda a tempada e agora é o momento de gozar, de xogar bonito e xogar para todos eles. Oxalá poidamos brindarlles unha grande alegría ao final” concluía Jozi.
Con 1 punto por debaixo das mariñás, o Atlético de Madrid visita o Orvina, na penúltima praza, o sábado.
CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 31. Eva
Peque, campioa con España
A pichichi laranxa reincorporouse con moitas ganas aos adestramentos co grupo o mércores, co trofeo do VII Torneo Internacional do Día da Vitoria de Moscova. A 7 burelista, que anotou 2 dos tantos que lle deron o liderado en Navalcarnero (2-3), tamén deixou o seu sinal goleador coa Vermella, con dobrete ante Polonia (0-9) e 1 diana fronte a Rusia (6-5). “Volvo moi contenta polo trofeo, pero tamén cansa porque coa selección sempre estamos ao 200%, non paramos; agora só quedan 4 partidos” explicaba entre risas Peque, que xa estaba desexando volver coas compañeiras: “Tiña moitas ganas de estar outra vez co equipo; perdín o grande ambiente da semana pasada logo de conseguir a primeira praza. Esta semana xa foi máis tranquila, con toda a concentración posta en Roldán, logo da gran tensión con Ourense ou Navalcarnero”. A internacional sumouse ás palabras de Jozi cun aceno á afección: “Xa demostrou en Madrid que é a mellor do mundo, ninguén pode cuestionalo; sabemos que van estar aí para axudarnos ata o final”.