1 de xuño de 2016.- O Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato en Galicia, establece nos seus artigos 30 e 31 cales son as materias que o alumnado deberá cursar, respectivamente, en 1º e 2º de bacharelato; así mesmo a Orde do 15 de xullo de 2015 establece a relación de materias de libre configuración autonómica; e así distribúese a carga horaria global nos seguintes bloques de materias:
Materias comúns a todo o alumando: Filosofía, Lingua Galega, Lingua castelá, Lingua estranxeira e educación física.
Materias comúns a todo o alumnado segundo a opción de bacharelato que escolla.
Materias específicas: das que deben escoller un mínimo de dúas e un máximo de tres dentro dun amplo catálogo de materias cunha carga horaria de dúas, tres ou catro horas semanais. E aquí aparece, como unha máis das materias específicas, segundo o que ordena a LOMCE, a Relixión, cunha carga horaria de unha hora semanal
Materias de libre configuración autonómica, cunha carga horaria de dúas horas semanais.
Materias de libre configuración polo centro docente, sen que se estableza unha carga horaria específica, polo que poden ser dunha ou dúas horas semanais.
A suma de horas lectivas semanais das materias específicas, de libre configuración autonómica, e de oferta do centro docente, ten que ser de seis horas en primeiro de bacharelato, e de oito horas en segundo de bacharelato. Sen esquecer nunca que calquera combinación ten que incluír como mínimo dúas materias específicas, o grupo onde se oferta necesariamente a materia de Relixión.
A onde nos leva esta distribución horaria aparentemente tan posibilista? , pois a unha situación totalmente discriminatoria: en 1º de bacharelato, calquera alumno que queira escoller unha materia específica de tres horas, xunto cunha de libre configuración autonómica de dúas horas (tecnoloxía industrial + robótica por exemplo) necesariamente ten que escoller Relixión para completar o seu currículo de 6 horas porque é a única opción de unha hora que existe no bloque de específicas que a Xunta de Galiza organizou para aplicar a LOMCE, porque as materias específicas están fixadas polo Estado, pero a súa carga horaria fixámola aquí, e a responsabilidade de que a única materia dunha hora que existe dentro dese grupo sexa a Relixión é exclusivamente da nosa Administración Educativa Autonómica.
Mais aínda iso non é todo: a única relixión que, na práctica, se pode escoller é a relixión católica, porque a oferta doutras relixións depende da demanda de alumnado, e aquí non existe, maioritariamente, unha demanda suficientemente ampla de ensino da relixión evanxélica, musulmana ou xudea nos cursos de bacharelato.
En todas as nosas leis educativas, a relixión, calquera, entendeuse como unha opción das familias, que sempre debera ir aparellada coa posibilidade de escoller outra materia, o que coloquialmente se coñece como “alternativa”, para garantir a voluntariedade desa opción como medio para non violentar o que a Constitución establece no seu artigo 16.1 cando di que se garante a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos, e no seu artigo 27.3 cando garante o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.
A imposición da materia de relixión como oferta obrigatoria en bacharelato, e por suposto o seu carácter de materia avaliable e participativa da media do curso, é claramente unha imposición da Igrexa Católica a un goberno que renegou da súa obrigada neutralidade neste eido, e que apostou por favorecer a un grupo de poder económico que, e non é casual, domina unha porcentaxe moi elevada do ensino privado e concertado no noso Estado.
Pero tentar forzar aos nosos fillos e fillas para que escollan esa materia se queren ter abertas algunhas das opcións posibles de bacharelato é unha indignidade, e unha conculcación do dereito á liberdade relixiosa do individuo que non podemos menos que denunciar.
Por iso, a Xunta de Galicia debe modificar o actual marco normativo, e ten capacidade para facelo, para que, en ningún caso, ningún alumno ou alumna, escolla a combinación de materias que desexe escoller, teña que verse abocado sen remedio a cursar unha materia ideoloxicamente identificada, como o é a Relixión Católica.