Burela, 7 de xuño de 2016. Burela celebra o Día Mundial dos Océanos realizando varias limpezas en praias e zonas costeiras os días 7, 9 e 10 de xuño, segundo informa a Concellería de Medio Ambiente.
A edil Noelia Mª Ben sinala que “o Día Mundial dos Océanos é unha ocasión para celebrar este tesouro común que fai que a terra sexa un lugar habitable para o ser humano. Os océanos axudan a regular o clima e o tempo, e proporcionan osíxeno e alimentos, así como outros efectos beneficiosos para o medio ambiente e para a sociedade e a economía en xeral. Aínda así, os nosos océanos e os seus recursos deterióranse e esgótanse debido á presión, cada vez maior, á que están sometidos, causada principalmente pola contaminación e a sobre explotación”.
A concelleira socialista explica que “o problema do lixo mariño converteuse nun dos retos máis importantes ao que nos enfrontamos hoxe en día; unha situación complicada que afecta a océanos, mares e ríos, prexudicando á natureza en Europa e no resto do mundo. Con esta efeméride, que ten lugar o 8 de xuño, preténdese concienciar e implicar á poboación sobre a importancia que os océanos teñen para a nosa vida, xa que producen osíxeno, regulan o clima, alimentan millóns de persoas, proporcionan menciñas, ademais doutros recursos, e constitúen o hábitat dunha gran variedade de seres vivos”.
A Concellería de Medio Ambiente organiza varias limpezas de praias e zonas costeiras de Burela (na praia de O Portelo, na de Ril e na zona do Perdouro) os días 7, 9 e 10 de xuño; coa participación de varias asociacións como A Mariña, Fundación Eu Son e Camiña e co IES Perdouro (54 alumnos de 4º de ESO e PDC). Coge 3 participa e apoia esta iniciativa colaborando coas monitoras do Centro Gaia co obxectivo de crear conciencia para protexer os nosos mares. Gadisa e Sogama colaboran con diferentes agasallos de material divulgativo e de merchandising.