Foz, 15 de xuño de 2016.- A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, reivindica os esforzos realizados nos últimos anos en materia de política sanitaria na comarca, a pesar de desenvolverse nun contexto de enorme dificultade orzamentaria como consecuencia da crise.
“Desde a oposición acusáronos de intentar pechar o Hospital da Costa e demostramos que mentían. Hoxe temos un centro hospitalario con máis servizos e que será ampliado”, dixo a presidenta popular.
Novos servizos
Candia lembrou durante a súa intervención nun encontro con veciños de Foz que o PP está comprometido co sistema público de saúde como demostra a creación da nova sala de tratamentos de quimioterapia ou a unidade de hospitalización a domicilio. Ambos servizos evitan traslados fóra da Mariña para moitos enfermos de cancro ou fan posibles os tratamentos personalizados no seu fogar para doentes crónicos ou que non precisan de ingreso hospitalario.
“Quero agradecer o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e do conselleiro de Sanidade, co noso hospital. Cumpriron a súa palabra”, asegurou a dirixente popular.
Nos últimos anos, ademais destes dous importantísimos novos servizos, o Hospital da Costa tamén se beneficiou de 2,2 millóns de euros en investimentos para obras e novas dotacións tecnolóxicas: novos ecógrafos, o equipo de mamografías, a segunda sala de endoscopias, a reforma dos quirófanos, da planta de maternidade e das unidades de anestesia, os retinógrafos, as obras en farmacia, urxencias ou no teito e rampla do hospital. En Foz tamén a dotación da ambulancia medicalizada que, cando chegamos ao Goberno, non existía. “Falo dun compromiso que se demostra con feitos”.
Ampliación do hospital
A presidenta dos populares lucenses dixo que o reto máis inmediato é acometer a ampliación do hospital, logo dun intenso e longo traballo para elaborar os informes técnicos e arquitectónicos necesarios, e realizar as licitacións e adxudicacións correspondentes. Apuntou que o PP seguirá defendendo que A Mariña dispoña, “nos prazos e cos compromisos marcados, dun hospital que sexa confortábel e que teña os máximos estándares de calidade” e pediulle ao conselleiro que manteña ese esforzo.
Apoio ao sector pesqueiro
Pola súa parte, o cabeza de lista ao Senado por Lugo, José Manuel Barreiro, reiterou o apoio do PP ao sector pesqueiro. “Sabemos que é imprescindible para a comarca onde a maioría da poboación vive directa ou indirectamente do mar”. Recordou que o valor do peixe e mariscos nas lonxas de A Mariña creceu un 11% nos primeiros cinco meses do ano, se comparamos os datos co mesmo período de 2015.
Durante a súa intervención tamén preguntou aos participantes se “se embarcarían nun avión pilotado por un comandante inexperto. Pois o mesmo pasa co Goberno. Ser Presidente do Executivo non pode ser o primeiro emprego de ninguén”.