Mondoñedo, 4 de xuño de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, dirixiuse este sábado aos arredor de 500 voluntarios que participaron no noveno encontro de Cáritas de Galicia como “o espello ao que mirarnos xa que aos políticos debe movernos a necesidade de mellorar as condicións de vida dos que nos rodean”. “Compartimos a mesma finalidade e só podemos estar apoiando o voso labor”, precisou.
Durante o saúdo de benvida que a alcaldesa ofreceu aos voluntarios trala celebración da Eucarística na Catedral presidida por Mons. Luís Ángel de las Heras, a rexedora amosou a súa gratitude aos asistentes polo “apoio social e emocional que dades e, sobre todo, polo voso tempo, o ben máis estimado e máis caro nesta sociedade que nos toca vivir”. “Só pode haber unha palabra que sexa o eixo central do meu saúdo, a gratitude, pola vosa altruísta dedicación, que só busca mellorar a vida dos cidadáns xusto cando peor o están a pasar”, matizou.
A rexedora de Mondoñedo considera unha “honra” que a localidade sexa o lugar de encontro dos mozos e mozas de Cáritas que “axudades nun entorno de dificultades e problemas. O que necesitamos é xente coma vos, persoas que cambian o mundo dende o círculo que estea máis preto”.
Elena Candia puxo en valor o seu sacrificio e empatía, definida como a capacidade que teñen para poñerse no lugar do outro e definiu esta actitude dos voluntarios como “unha forma de entender a vida”, ao que engadiu que “a política tamén o é, por iso compartimos a mesma necesidade, mellorar as condicións de vida da cidadanía e traballar para seguir avanzando a sociedade”. En definitiva, “a vosa é unha actitude que busca construír unha sociedade máis humana e solidaria e a vosa actuación e o motor desta sociedade e os políticos só podemos estar apoiando ese labor”.