A Mariña, 11 de xuño de 2016.- Olalla Rodil, cabeza de lista ao Congreso, Martín Graña, responsábel comarcal de Galiza Nova e candidato tamén ao Congreso, Montse Porteiro, candidata mariñá ao Congreso, así como a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida, e outros cargos orgánicos da organización frontista mantiveron un encontro con xente moza no bar Cienfuegos de Ribadeo para escoitar a súa opinión e trasladar as propostas do BNG – NÓS referidas á mocidade.
A organización nacionalistas lembrou que foron mais de 3.000 as mozas e mozos de entre 25 e 35 anos que tiveron que emigrar fora da comarca nos últimos cinco anos, “unha sangría social e de capacidade transformadora que nin a comarca, nin a provincia se pode permitir, nin Galiza”.
A candidata, Olalla Rodil, afirmou que “nun pais rico como é o noso, deixar escapar desta maneira á mocidade mellor formada das últimas xeracións, e non aproveitar o seu potencial para regalárllelo a terceiros países é clara demostración da incompetencia do Partido Popular para aproveitar os recursos intelectuais, as enerxías, e a capacidade produtiva de Galiza, permitindo que as decisións as tomen Bruxelas e Madrid aínda que estas vaian contra a nosa viabilidade económica.”
Aínda así, Rodil afirmou que “Galiza ten futuro, si se planifica, se defende, se organiza, se moderniza e se potencia os sectores produtivos aproveitando e creando sinerxías entre os recursos económicos existentes e as capacidades comparativas que dispomos.”
Nesta liña, a formación nacionalista, presentou as “10 medidas económicas de choque para o futuro de Galiza”: Por unha banda (as sete primeiras), aquelas que abranguen propostas destinadas a activar a economía, parten do apoio decidido á innovación e ao fomento das actividades económicas ligadas a procesos e produtos con alto valor de coñecemento e valor engadido e que aseguren o peche completo dos ciclos de transformación en Galiza. Por outra banda, tamén se destacan as que atinxen a iniciativas para reducir as desigualdades sociais con medidas de regulación pública que distribúan equitativamente os recursos entre toda a sociedade galega (as tres restantes).