Santiago, 11 de xuño de 2016.- Facilitar a accesibilidade aos servizos dixitais da Xunta, ese é o principal obxectivo do servizo Chave 365, que desde esta semana xa se pode solicitar de xeito presencial nas oficinas de rexistro da Consellería de Sanidade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de Lugo.
A Amtega, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, puxo en marcha Chave 365 o pasado mes de setembro ante as dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos dixitais. Chave 365 dota aos cidadáns e ás empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico
A solicitude de Chave 365 pódese realizar online, través da sede electrónica da Xunta, ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro habilitadas (https://sede.xunta.es/onde-solicitar-chave365), que se están a ampliar de xeito progresivo.
Chave 365
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou ben nos rexistros habilitados.Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
A incorporación de Chave365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán. Cómpre destacar que a tramitación online supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.
Plan de Administración e Goberno Dixital 2020
O servizo Chave 365 é unha das iniciativas do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.