A Asociación Deportiva Salto do Coro de Mondoñedo anuncia a oferta deportiva para este ano para os mozos tanto de Mondoñedo como doutras localidades limítrofes. Así, a Asociación continúa cos mesmos deportes para @s nen@s: o fútbol-sala, o baloncesto, bádminton, atletismo, dúatlon e tenis de mesa, para @s máis moz@s; e ximnasia de mantemento e rutas de sendeirismo para @s maiores.
Búscase unha continuidade no proxecto, pasando a levar a coordinación deportiva Raúl González-Redondo Ares cuxo obxectivo será o facilitar todo o labor desinteresado que fan todos os voluntarios nas escolas, tentando que tanto alumnos como monitores gocen do deporte.
A Asociación deportiva, ao longo desta semana dará a coñecer a oferta deportiva e os voluntarios que nos acompañarán neste segundo ano de vida deportiva da Asociación.
Unha das actividades que a maiores realizará a Asociación de fronte ao próximo ano será unha viaxe a Madrid c@s nen@s das escolas onde tanto gozarán de partidos como de actividades deportivas con equipos de primeiro nivel (acudir a partidos, a adestramentos, visitar estadios,…). Xa se tomaron contacto con clubs importantes como o At. de Madrid, Estudantes, Real Madrid,… Estas viaxes xa se facían hai doce anos.