Hai uns días remataba o curso da Escola Municipal de Música de Foz, cos concertos nos que alumnas, alumnos e agrupacións mostran ao público o traballo realizado durante o curso. Foron seis días de concertos nos que puidemos escoitar e gozar das habelencias de rapaces e adultos que durante o ano deciden dedicar unhas horas do seu tempo libre a formarse no eido da música, aprender a ler a súa linguaxe e a expresala a través dun instrumento ou da súa voz.
Antes de empezar este curso que agora rematou, a ANPA da Escola de Música facía, a través da prensa, unha chamada á corporación municipal que entón acababa de formarse, para que apostaran decididamente por apoiar e fortalecer a nosa Escola Municipal. A corporación –todos os grupos que a forman– responderon a aquela chamada, e neste curso a Escola veuse ampliada con máis horas de clases, novos profesores e a posta en marcha de varias agrupacións que reforzan de xeito conxunto o traballo individual, como son o grupo de música moderna, o ensemble de guitarras, os dous grupos de prebanda e os coros infantil e xuvenil. Ademais, este verán, a Escola de Foz súmase por primeira vez a outras escolas da Mariña ofertando cursos de perfeccionamento en diversos eidos neste tempo de vacacións. Todo este avance é posible grazas ao imprescindible apoio municipal, máis tamén ao traballo e entusiasmo que o equipo de profesores e, sobre todo, o seu director, Felipe Sánchez, dedican a este proxecto.
Un curso rematou e hai que empezar xa a preparar o seguinte. A Asociación de nais e pais e de alumnos e alumnas adultas da Escola de Música queremos recoñecer e agradecer o apoio municipal, e facer de novo un chamamento para que a corporación municipal e a todos os grupos que a forman, continúen a apoiala de xeito decido. É imprescindible que as previsións e convocatorias que son precisas de cara ao curso se fagan con tempo, para que durante o mes de setembro, non máis tarde, se realice a incorporación dos profesores e o inicio das clases, e se dea continuidade aos proxectos e melloras que se propoñan.
Por outra banda, queremos dedicarlle unha lembranza ao noso moi querido e moi añorado Arcadio Mon. El foi o demiúrgo que fixo nacer esta Escola de Música e foi gran parte da súa alma durante toda a súa vida. O seu prematuro pasamento deixounos un fondo sentimento de orfandade. Cremos profundamente que a maior homenaxe que lle podemos render é conseguir que tanto a Escola Municipal de Música como a Banda Municipal ás que el entregou tempo e entusiasmo sen límite, se convertan en dous puntais referentes en toda a Mariña. Debémosllo a Arcadio.
ANPA da Escola de Música de Foz