Un percebeiro faleceu este méroores en Xove despois de caer ao mar. O corpo da vítima foi rescatado polo helicóptero Pesca 2. En concreto, os feitos producíronse na zona dos Netos, en Punta Roncadoira.
O home estaba a traballar canda varios compañeiros. Foi un deles o que chamou ao 112 Galicia ás 17.00 horas para alertar do acontecido. O persoal do CAE 112 Galicia púxoo en comunicación con Salvamento Marítimo, que decidiu mobilizar o Pesca 2.
O 112 Galicia alertou ademais ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Urxencias Médicas, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil. No operativo tamén participaron a Salvamar Alioth e outras embarcacións, como unha zodiac do GES. Os efectivos sanitarios, pola súa banda, desprazáronse ás proximidades da Punta Roncadoira cunha ambulancia, por se fose precisa nalgún momento. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o helicóptero trasladou o corpo sen vida do home ao Hospital da Costa, en Burela.